Poio amósase ao mundo como un destino verde, sostible e único para visitar os 365 días do ano

24/01/2024

Poio amosouse hoxe en Fitur, a feira de turismo internacional máis importante, como un destino verde, sostible e único que visitar os 365 días do ano. Foi durante a presentación da campaña Illa de Tambo, embarcamos!, que organizou Turismo de Galicia e na que participou o alcalde, Ángel Moldes.

Durante a presentación, que contou coa asistencia dos presidentes da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e da Deputación de Pontevedra, Luis López, Moldes presumiu do Poio natural, cos bosques, sendas, xacementos…; gastronómico; deportivo; do bo Camiño pola costa e a Variante Espiritual; e das villas mariñeiras de Combarro e Raxó. Ademais, “todo Poio mira cara Tambo, unha illa cun inmenso valor histórico, natural e paisaxístico”. Por todo elo, asegurou, “Poio é un destino único”.

Ademais, asegurou que na primeira presentación de Poio en Fitur, quixeron “amosar a realidade do noso concello e contar coa nosa xente para poñer en valor todo o que Poio ofrece”. 

A presentación Illa de Tambo, embarcamos! contou tamén coa participación do xerente da Axencia de Turismo de Galicia, Antonio Casas, do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e de Rubén Mariño, guía turístico que subliñou que Tambo é unha illa fantástica, que ten unha historia única, e da que os visitantes regresan con grandes recordos que perdurarán na memoria e experiencias.

Ademais da presentación propia sobre Poio, Ángel Moldes e a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, tiveron unha axenda intensa durante toda a xornada, na que mantiveron reunións de traballo con touroperadores. Ademais, o destino tamén estivo presente no stand Pueblos Mágicos, do que o concello forma parte.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio