Poio afronta a segunda metade do verán con récords de ocupación, boas previsións, e un sector turístico que medra e se renova

18/08/2026

Rocío Cochón presentou os resultados durante unha visita ao Hotel Stella Maris de Combarro, onde Adrián Nacemento vén de asumir a xerencia como terceira xeración da familia fundadora cun proxecto baseado na modernización e a desestacionalización

Os aloxamentos turísticos de Poio rexistraron durante o mes de xullo unha ocupación media do 79,6%, o que representa unha subida de 8 puntos sobre o mesmo período de 2025 e de 15 sobre 2024. Uns datos récord que poden marcar a tendencia de agosto, xa que as previsións comunicadas polo sector acadan o 100% de ocupación esperada na gran maioría dos establecementos do municipio.

Ademais, e entre outros datos, durante xullo o Porto Deportivo de Combarro rexistrou un case pleno de ocupación dos amarres, que están reservados por completo para agosto. Asimesmo, un total de 1.902 peregrinos selaron a súa credencial no Mosteiro ou no Concello durante ese mesmo mes, practicamente o dobre que en 2025, datos que demostran a importancia crecente das variantes xacobeas, tanto en tempada alta como baixa.

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, presentou estes datos durante unha visita ao Hotel Stella Maris, en Combarro, onde hai apenas un mes se produciu un relevo xeracional á fronte do establecemento. O novo director é Adrián Nacemento, membro da terceira xeración da familia que fundou o hotel hai preto de 50 anos, que asumiu a xerencia deste aloxamento cun proxecto baseado na modernización e a desestacionalización.

Cochón coñeceu, acompañada polo novo director, algunhas das 35 habitacións do hotel e charlou co persoal para coñecer de primeira man os retos e as oportunidades que afronta o sector. Na conversa abordaron o crecemento do turismo internacional, a cada vez maior esixencia dos visitantes en materia de calidade e trato persoal, a incorporación de novos programas de xestión e a evolución das canles a través das que as persoas viaxeiras buscan información, reservan e organizan a súa estancia.

A responsable municipal destacou que o relevo xeracional en establecementos con décadas de traxectoria achega novas ideas, coñecementos e capacidade de adaptación a un sector que en Poio medra e se renova, crecendo tanto cualitativa como cuantitativamente.

Ademais, Cochón destacou o peso cada vez maior dos visitantes internacionais, relatando que, no propio día da visita 16 dos 18 check-ins ou rexistros de entrada realizados no Stella Maris correspondían a clientes estranxeiros, procedentes dos Estados Unidos, Canadá e distintos países europeos.

A edil tamén puxo en valor a aposta destas novas xeracións pola desestacionalización, resaltando a progresiva mudanza que está levando a cabo boa parte do sector: “Cada vez son máis os aloxamentos que, como o Stella Maris, van ampliando a súa apertura a mais tempadas durante todo o ano, e non unicamente nos meses centrais do verán”, o que contribúe a xerar emprego, actividade económica e servizos durante os doce meses.

Desde o Concello recalcan a crecente capacidade de Poio para atraer investimento e emprendemento no sector turístico, con cada vez máis prazas de aloxamento e varios proxectos de construción e renovación de establecementos hotaleiros.

“Hai remuda xeracional, hai valentía de moitos emprendedores e o bo facer de sector xa existente”, indicou a edil, que fai de Poio un destino “cada vez máis sólido, competitivo e preparado para responder ás novas demandas das persoas que o visitan”.

“Poio afronta esta segunda metade do verán cun sector turístico do que sentirnos moi orgullosos: un sector con empuxe, con iniciativa e con capacidade para renovarse. Facémolo con locais do máximo nivel, tamén con novos proxectos en desenvolvemento e construción, pero tamén co impulso de establecementos de sempre que se modernizan e encaran o futuro con novas ideas”, afirmou Cochón.

“Todos xuntos conformamos un destino que medra, que sube de nivel, que cada día vai a máis. Institucións, profesionais e empresas compartimos o reto de seguir mellorando a calidade, avanzar na desestacionalización e ofrecer unha experiencia única a todos os que visitan este Poio único!”, concluíu.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio