Obradoiros infantís para dinamizar o verán nas parroquias

28/07/2026

A primeira sesión é esta mesma tarde, coincidindo coa celebración dos Xogos de Verán de Lourido, organizados pola AAVV de Lourido coa colaboración do Concello.

O Concello de Poio pon en marcha unha programación estival con obradoiros infantís itinerantes que percorrerán as distintas parroquias do municipio. O obxectivo é ofrecer alternativas de lecer creativo ao aire libre para a rapazada, empregando espazos como praias e prazas, e promovendo ao mesmo tempo a conciencia ecolóxica mediante o uso de materiais reciclados.

A primeira parada é esta mesma tarde, na praia de Lourido (de 18.00 a 20.00 horas) coincidindo coa celebración dos Xogos de Verán que comezaron onte; en Vilariño, o 6 e 7 de agosto ás 11.30 horas; na Praza da Chousa, en Combarro, o 11 e 12 de agosto ás 19.00 horas; na praia de Cabeceira, 18 e 19 de agosto, ás 19.00 horas; na praia do Laño, Samieira, o 20 e 21 de agosto (19.00 horas); e, na praia de Raxó, o 26 e 27 de agosto ás 19.00 horas.

«Con estes obradoiros queremos achegar actividades de lecer a todas as parroquias para que a rapazada poida desfrutar do verán preto da casa, compartindo tempo con outras nenas e nenos e aprendendo tamén valores como o respecto polo medio ambiente e a reutilización de materiais», sinala a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres.

XIMNASIA AO AIRE LIBRE NA SECA E NA CASA ROSADA

Ademais destas actividades infantís, desde o Concello de Poio continúan organizando a actividade Cóidate Sempre, con sesións semanais de exercicio físico para persoas adultas. Todos os mércores de xullo e agosto, de 10:00 a 11:00 horas, nos xardíns da Casa Rosada, e os venres, no mesmo horario, na Reiboa (A Seca). Durante aproximadamente unha hora, as persoas asistentes poderán participar en rutinas de exercicio e estiramentos adaptados, sen necesidade de inscrición previa. Só é preciso acudir con roupa cómoda e auga.

Con estas propostas, o Concello amplía a programación estival destinada tanto á infancia como ás persoas adultas, promovendo hábitos saudables e actividades de lecer en diferentes espazos do municipio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio