O XVII Torneo de Fútbol 8 Juan López-Concello de Poio reúne 800 nenos esta fin de semana na Seca

02/06/2026

É un dos campionatos máis veteranos na comarca, e combina deporte con actividades lúdicas, con xogos e inchables. Participan 48 equipos nas categorías benxamín e alevín.

Esta fin de semana celébrase o Torneo de fútbol 8 Juan López-Concello de Poio, que nesta décimo sétima edición reúne na Seca a 48 equipos de diferentes puntos de Galicia nas categorías alevín e benxamín. Un éxito de participación, con 800 nenos inscritos, que participarán nunha xornada na que o importante é o deporte, pero que se mesturará con actividades máis lúdicas, xa que durante todo o día na contorna da Reiboa haberá tamén inchables e diferentes xogos.

O concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, destaca a importante labor que o CFB Poio está facendo co deporte base, e animou aos participantes a gozar de toda a xornada. Así, recorda que o obxectivo destes días é fomentar valores de respecto, compañeirismo e hábitos de vida saudable. de Poio. “Este goberno aposta de xeito claro polo deporte, non só apoiando a base, senón tamén impulsando e colaborando coa celebración de eventos deportivos e mellorando e ampliando as instalacións deportivas municipais”, engade.

Os partidos comezarán ás 9.00 horas os dous días, xogando na primeira xornada do torneo os equipos da categoría benxamín e, o domingo, os alevíns. Haberá premios, ouro e prata, para os vencedores das dúas fases.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio