Poio celebra esta fin de semana unha Festa da Ameixa que estrea o seu recoñecemento de Interese Turístico de Galicia

17/09/2026

A ameixa de Campelo e as mariscadoras protagonizan unha programación que ofrece gastronomía, música e tradición para todos os públicos entre o venres e o domingo na Praza da Granxa. Henry Méndez, un tributo a Joaquín Sabina, sesións vermú con música en directo, canción mariñeira, DJs e baile coa orquestra Fania Blanco Show.

Xa está todo preparado na Praza da Granxa, en Campelo, para celebrar esta fin de semana a 38ª Festa da Ameixa de Poio, que este ano estrea declaración de interese turístico de Galicia. A celebración arranca este venres, día 18, e combina gastronomía, música e moito ambiente mariñeiro, cunha aposta clara por homenaxear á xente do mar cunha programación destinada para todos os públicos.

Ameixa á mariñeira, con fideos e con arroz poderase saborear desde o venres e ata o domingo nos postos de degustación habilitados. A carpa xa estará aberta desde o venres ás 20.00 horas, mentres que o sábado poderase consumir a ameixa de 12.00 a 16.00 horas e de 20.00 a 23.00 horas, e o domingo, de 12.00 a 16.00 horas.

A Festa da Ameixa é un escaparate para este sector e por iso faise exclusivamente con produto da Lonxa de Campelo e da máxima calidade, produto que esta mesma semana estiveron recollendo as mariscadoras e mariscadores nos bancos marisqueiros da ría. Un dos momentos máis destacados será o acto institucional no que se rende homenaxe ás 23 mariscadoras e mariscadores das tres confrarías que traballan en Poio (Raxó, San Telmo e Lourizán) xubiladas no último ano: Mercedes Pazos Albar e Dolores Milagros Villaverde Canabal, da confraría de San Gregorio de Raxó; Marina Sotelo Moreira, Manuel Pérez do Nacimento, María Dolores Torres Pazos, Juana Blanco Carregal e María Carmen Pousada Fontenla, da Confraría de Lourizán; e Dlores Abal Barreiro, Marina Buceta Alonso, Maribel Carballa Viñas, Rosa María Freijo Torres, Cándida García Carballa, Agustín Latourrette Luces, Carmen Leiro Castro, María del Carmen Martínez Amorín, Felicidad Martínez Castro, Dolores Martínez Piñeiro, Ángela Patiño Castro, Olga Pazos Torres, Manuel Ángel Pesqueira Torres, Elvira Pousada Rial, Juan Carlos Quintela Iglesias e Cándido Silva Rosales.

Será durante a inauguración institucional da festa, ás 18.00 horas, momento no que tamén se fará entrega dos premios aos gañadores do concurso de fotografía da Festa da Ameixa. Xunto co alcalde, Ángel Moldes, está previsto que asistan a conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña, o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e o deputado provincial Marcos Guisasola.

TRES DÍAS DE MÚSICA, GASTRONOMÍA E ACTIVIDADES

A 38ª Festa da Ameixa ofrecerá unha programación pensada para públicos de todas as idades desde o venres 18 ata o domingo 20 de setembro.

O venres 18 arrancará oficialmente a celebración, ás 18.00 horas, cun protagonismo especial para o sector do mar e coa participación de 23 mariscadoras e mariscadores pertencentes ás tres confrarías. Ás 20.00 horas, a canción mariñeira con Pontis Veteris cobrará protagonismo, mentres que pola noite, Henry Méndez tomará o relevo ás 23.00 horas cun concerto gratuíto na Praza da Granxa. É un dos nomes máis recoñecibles da música latina e dance en España, especialmente ligado aos grandes éxitos do verán con títulos como “Rayos de sol”,  “Noche de estrellas”, “Mi reina”, “El Tiburón” e “Te fuiste”. Tras Henry Méndez, subirá o escenario o DJ Jorge Álvarez.

O sábado 19 continuará a programación cunha sesión vermú coa música en directo de Black Nails, a partir das 13.30 horas. A música da agrupación folclórica Vides Novas contribuirá a animar a carpa durante a degustación do mediodía, mentres que a partir das 20.00 horas soará a canción mariñeira de Bahía de Tambo. Xa pola noite, o escenario de Campelo acollerá o tributo a Joaquín Sabina de La penúltima Sabinera, a partir das 22.00 horas e con entrada de balde. A noite rematará coa actuación do DJ Pedro Campos. Tanto o sábado como o domingo haberá propostas específicas para o público infantil durante a tarde, con pintacaras, actuacións e inchables.

O domingo 20 completarase a programación festiva coa actuación de Algo pasa con Mery, durante a sesión vermú (13.30 horas). Pola tarde, a Escola de Acordeóns Campelo-Poio ofrecerá un concerto na Praza da Granxa, seguido da orquestra Fania Blanco Show (19.30 horas) e cun espectáculo de luces como peche da 38ª edición (21.30 horas).

UN ESCAPARATE PARA CAMPELO E PARA A RÍA DE PONTEVEDRA

A declaración de Interese Turístico de Galicia abre unha nova etapa para unha celebración que chega á súa 38ª edición mantendo intacta a súa vinculación co mar. O recoñecemento permitirá incrementar a proxección da festa e reforzar a promoción da ameixa como produto de referencia da ría de Pontevedra.

O Concello de Poio destaca que a Festa da Ameixa combina a celebración e o lecer cunha finalidade fundamental: apoiar o sector, promocionar o produto da ría e poñer en valor o traballo das mariscadoras e mariscadores.

Campelo afronta así tres días de festa nos que gastronomía, música, tradición e actividade económica volverán ir da man, nesta ocasión co aliciente de estrear un recoñecemento que consolida a Festa da Ameixa como unha das grandes citas gastronómicas de Galicia.

OFICINA DE TURISMO NA GRANXA

Durante a celebración da festa, o Concello de Poio instalará un punto de información turística na Praza da Granxa, seguindo o modelo exitoso da Festa do Mar na Chousa. O obxectivo é achegar aos visitantes todos os atractivos e recursos turísticos que ofrece Poio, aproveitando a gran afluencia prevista para esta fin de semana en Campelo.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio