O parque infantil de Lourido reabre tras unha renovación para mellorar a súa calidade e seguridade

14/09/2026

As actuacións incluíron a posta a punto da área, tanto dos elementos de xogo como do mobiliario existente, mediante labores de reparación, reposición, limpeza, protección e acabado. Ángel Moldes explica que para o Goberno local son tan prioritarios os investimentos destinados a transformar e crear novas áreas de xogo infantís como manter en óptimas condicións as xa existentes.

O Concello de Poio rematou os traballos de renovación do parque infantil de Lourido, que xa está de novo a disposición da veciñanza. Así o indica o alcalde, Ángel Moldes, que se achegou ata a área de xogo para comprobar o resultado dunha actuación que permitiu realizar unha posta a punto xeral das instalacións, tanto dos elementos de xogo como do mobiliario existente, mediante labores de reparación, reposición, limpeza, protección e acabado.

O obxectivo da intervención, segundo explica o alcalde, é mellorar as condicións das instalacións, garantir o seu bo estado e favorecer a súa conservación e durabilidade.

Moldes destaca o esforzo municipal por modernizar e manter en boas condicións as zonas infantís do municipio. “Para este Goberno son tan prioritarios os investimentos para transformar e crear novas áreas de xogo como manter en óptimas condicións as xa existentes”, asegura.

Entre as principais intervencións realizadas atópanse diversas actuacións nos equipos combinados, nos que se procedeu á reposición de plataformas, tellados e postes, así como ao lixado e pintado de diferentes elementos para mellorar o seu estado de conservación.

Os traballos abrangueron tamén os pórticos dos bambáns, nos que se substituíron postes, laterais, asentos e barras metálicas que presentaban danos. Nun destes elementos realizouse, ademais, unha limpeza e un tratamento antioxidante previo ao pintado, co fin de reforzar a súa protección e prolongar a súa vida útil.

A intervención incluíu igualmente os xogos de resorte, con actuacións de limpeza en diferentes elementos, como o balancín estrela, a pantasma, o ourizo e o pato. Pola súa banda, o xogo de resorte con forma de vela foi lixado e pintado.

A posta a punto completouse con traballos de mantemento no cartel do parque, mediante a limpeza, lixado e pintado dos seus postes. Tamén se actuou sobre as mesas de pícnic, que foron lixadas e pintadas para mellorar o seu estado e conservación.

Esta reforma forma parte do plan integral do Goberno local para modernizar e mellorar as áreas de xogo de Poio. Entre as intervencións máis destacadas inclúense a creación da primeira pista pump-track de Poio, a renovación do parque de Cristóbal Colón, en Ánkar, a posta en marcha dunha pista multideportiva en Vilariño ou a recente consecución dos terreos para crear o primeiro parque infantil público de Samieira. Ademais, continúan realizándose tarefas de mantemento e mellora nas zonas de xogo de todo o municipio, como Anafáns, Raxó, Combarro, Chancelas ou A Seca.

Precisamente, tamén en Lourido, xusto ao outro lado da estrada, hai unhas semanas inaugurouse a transformación do parque infantil de Costa Xiráldez, unha área de xogos con temática mariña que cada serán se converte en punto de encontro para as familias de dentro e fóra do municipio. “Traballamos para dotar Poio de servizos e infraestruturas que melloren a calidade de vida das familias e consoliden o municipio como un lugar moderno e atractivo para vivir”, concluíu o alcalde.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio