Poio achegará a Festa da Ameixa de Campelo aos peregrinos cunha Xornada da ‘Ameixa no Camiño’

17/09/2026

Rocío Cochón destaca que esta iniciativa permitirá dar a coñecer a Ameixa entre os peregrinos dos cinco continentes que cada vez en maior volume atravesan Poio. En agosto, rexistráronse 1.733 peregrinos de 41 nacionalidades, un 21% máis que no mesmo mes do ano pasado con case o dobre de estranxeiros.

O Concello de Poio achegará a Festa da Ameixa de Campelo aos peregrinos da Variante Espiritual e da Ruta do Padre Sarmiento cunha xornada da ‘Ameixa no Camiño’, que se celebrará o vindeiro 1 de outubro, ao mediodía, na contorna do Hórreo do Mosteiro de San Xoán.

A iniciativa permitirá aos camiñantes degustar de xeito gratuíto unha preparación de ameixa e coñecer máis sobre a celebración gastronómica máis senlleira do municipio, recentemente declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. No mesmo espazo instalarase unha exposición fotográfica e material informativo en varios idiomas sobre a historia da Festa da Ameixa, a cultura mariñeira de Campelo e Poio e o traballo das mulleres e dos homes do mar no municipio.

Ademais, a degustación estará amenizada pola música tradicional do ‘Acordeonista de Poio’, Juan José Mariño, director da Escola de Acordeóns de Campelo. “Queremos que todas estas persoas que xa atravesan Poio se empapen do ambiente da ameixa e marchen cun bo sabor de boca, cun coñecemento da nosa identidade e tamén con ganas de volver”, explicou a concelleira de Turismo de Poio, Rocío Cochón.

Cochón, que avanzou detalles da iniciativa a peregrinos de distintas nacionalidades durante un encontro este mércores, explicou que “esta é unha oportunidade extraordinaria para conectar piares do turismo de Poio, como son o Mosteiro de San Xoán e o Camiño coa Festa gastronómica máis senlleira do Concello, coa nosa identidade mariñeira, co traballo das mulleres e dos homes do mar e o produto que recollen na nosa ría”.

A edil explicou tamén que a ‘Ameixa no Camiño’ forma parte das actividades programadas arredor da 38ª Festa da Ameixa de Campelo, que se desenvolverá esta fin de semana na Praza da Granxa con carpas gastronómicas e unha ampla programación musical e cultural para todos. Estas actividades complementarias incluirán tamén, un ano mais, as Xornadas Gastronómicas da Ameixa, que permitirán a veciños e visitantes degustar diferentes preparacións deste bivalvo en varios establecementos do municipio, e das que se coñeceran pronto todos os detalles.

1.733 PEREGRINOS EN AGOSTO, UN 21% MÁIS QUE EN 2025 E “CADA VEZ MÁIS INTERNACIONAIS”

A responsable de Turismo destacou que a celebración desta ‘Ameixa no Camiño’ permitirá conectar a emblemática festa de Poio con persoas dos cinco continentes, xa que esta primeira edición co marchamo de Interese Turístico coincide cun importante crecemento das variantes xacobeas e a súa consolidación como un dos grandes eixos turísticos de Poio.

Neste sentido, durante o pasado mes de agosto, 1.733 peregrinos selaron a súa credencial nos puntos habilitados no Mosteiro e no Concello, o que supón un incremento do 21% sobre agosto de 2025. En relación con agosto de 2024, o crecemento supera o 113%.

Ademais, o perfil internacional ten cada vez un peso máis destacado: o 52,39% dos peregrinos de agosto en procedían do extranxeiro, cun total de 41 nacionalidades distintas. Son practicamente o dobre dos peregrinos extranxeiros que no agosto pasado. Cochón destacou que ata este ano, agosto se caracterizaba por ser un mes onde a maioría de peregrinos eran españois, unha tendencia que cambiou por primeira vez este exercicio.

Despois de España, que concentrou preto da metade do total dos peregrinos, as procedencias máis habituais foron Italia, Portugal, Estados Unidos, Francia e China.

Cochón rematou subliñando “a capacidade do Camiño para unir persoas dos cinco continentes en Poio durante todo o ano”, e con ese espírito indicou que “a todos eles queremos amosarlles algo do que nos sentimos moi orgullosos, como é a nosa Festa Gastronómica de renome”.

“Neste ano tan especial, Campelo e a nosa Ameixa van estar no Camiño, Ben o merecen”, engadiu.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio