Un Nadal que brilla con forza: Poio presenta unha programación potente para toda a familia, con actividades e actuacións gratuítas por todo o municipio

28/11/2026

A inauguración será o domingo 6 cun espectáculo musical exclusivo na Praza do Mosteiro, feito desde Poio e para Poio, que estará cheo de emoción e moitas sorpresas. As Aldeas de Nadal volverán ser protagonistas, con novos decorados e programación para converterse en espacios de encontro e diversión en todas as parroquias. A programación complétase coa carpa Poio Máxico, na Seca, onde se combinan grandes espectáculos co talento local, todo con acceso gratuíto.

Ángel Moldes: “Presentamos un Nadal que nos une, que nos identifica, que nos fai sentir orgullosos do noso concello. Un Nadal único, feito entre todos e que cada ano brilla con máis forza”.

O Concello de Poio desvelou esta mañá a programación completa dun Nadal que promete brillar con forza e identidade propia. Fíxoo no Pazo de Besada, coa participación de representantes de todas as entidades, asociacións e colectivos que colaboran.

A celebración arrancará o domingo 6 de decembro, ás 19.30 horas, na Praza do Mosteiro cun espectáculo musical inédito da orquestra La Oca, creado desde Poio e para Poio. A proposta, que se está preparando con especial ilusión, estará chea de emoción e sorpresas, e irá acompañado do tradicional acendido das luces, que este ano terá como protagonistas aos usuarios de Amencer. Neste punto, quixo agradecer a todas as persoas que se están involucrando e preparando para converter esa inauguración nun día máxico para todo o público asistente.

“Ano tras ano estamos conseguindo consolidar unha programación e decorados con identidade e personalidade, que xa é un referente polo seu contido e pola capacidade de innovar e sorprender”, destacou o alcalde, Ángel Moldes. Con todo, asegurou que o que máis lle satisface é “que o Nadal en Poio é motivo de orgullo para os nosos veciños e veciñas, sinten que é o seu Nadal, feito coa súa participación, co seu esforzo e coa ilusión de todo un concello”.

ALDEAS DE NADAL COMO PUNTOS DE ENCONTRO POLAS PARROQUIAS

As Aldeas de Nadal volverán ocupar un lugar destacado na programación. Contarán con novos decorados e actividades para toda a familia, repartidas por todas as parroquias: Porto de Raxó, Muíños de Samieira, Praza da Chousa en Combarro, San Martiño, Praza da Granxa en Campelo, Aldea do Adro en San Salvador e Parque de Lourido.

“Queremos volver sorprender e facer do Nadal de Poio unha experiencia para compartir, un lugar de encontro e unha maneira especial de vivir estas datas”, apuntou, e puxo en valor que “cada ano incorporamos novos decorados e propostas para que quen nos visita descubra algo novo”.

Nas Aldeas de Nadal viviranse tamén momentos de diversión, coa animación de Javi Solla e Tere, maquillaxe infantil, chocolatada, as visitas de Papá Noel e os Reis Magos, as pre-badaladas en San Martiño, concurso de beléns tradicionais, concerto de panxoliñas, o Mercado de Nadal, a tardeboa e tardevella en Combarro a San Silvestre…

ESPECTÁCULOS E ACTIVIDADES GRATUÍTAS NA SECA

A carpa Poio Máxico, instalada na Seca, acollerá desde o venres 18 espectáculos como Cantajuegos (3 xaneiro), Uxía Lambona e a Banda Molona (19 decembro), ademais de propostas de maxia co Mago Paco (25 decembro) ou cos magos Samuel Moreno, Lara Doiro e Roberto Lolo (2 de xaneiro). A programación combinará estas actuacións con iniciativas do tecido cultural, musical e social de Poio, coa participación da Banda de Música de Poio, Moura Teatro, Máis Cantos, o Club de Ximnasia Rítmica Saraiba e outras entidades locais.

O calendario incluirá tamén o tradicional concerto de corais de Aninovo no Mosteiro de Poio (2 de xaneiro) e unha actuación especial de María do Ceo (21 decembro). Inclúese a tradicional Papanoelada moteira da Rosa dos Ventos por todo o municipio o domingo 20 e este ano, como novidade, inclúese tamén ese mesmo día pola mañá a Papanoelada en bici organizada polo Poio Bike Club. Papá Noel e os Reis Magos visitarán todas as parroquias, e o 6 de xaneiro celebrarase a xa tradicional Cabalgata de Despedida dos Reis Magos desde Poio. Todas as actuacións, xogos e actividades que se organizan son gratuítas.

“Presentamos un Nadal que nos une, que nos identifica e que nos fai sentir orgullosos do noso concello”, concluíu Moldes. “Un Nadal que cada ano brilla con máis forza e que queremos compartir con todo o mundo”. Por último, animou a veciños e visitantes a percorrer o municipio durante estas datas “porque o Nadal en Poio non se explica, tense que vivir”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio