O Son da Gaita reúne este domingo en Poio aos principais gaiteiros e gaiteiras das catro provincias galegas

22/10/2026

A sétima edición deste certame celébrase no Pazo Besada, a partir das 10.30 horas. Como novidade, entregarán o galardón O Son da Gaita á traxectoria do gaiteiro e artesán Antón Corral, pola súa importante pegada na construción da gaita así como no ensino do oficio.

A sétima edición do Son da Gaita celébrase este domingo, 25 de outubro (desde as 10.30 horas), no Pazo Besada, converténdose nunha das principais citas dos amantes da gaita galega e da música tradicional cos mellores intérpretes do país, que organiza a Asociación Cultural Pai da Cana coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral da Lingua, da Deputación de Pontevedra a través do programa Culturea, e do Concello de Poio.

A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, reuniuse co presidente da asociación Pai da Cana, Óscar Ibáñez, e co Secretario Xeral da Lingua, Valentín García, no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela para presentar a programación deste certame, que tras sete edicións xa se consolidou como un lugar de encontro, difusión e convivencia dos músicos tradicionais, dos artesáns e dos investigadores entre si e co público.

Este evento reúne a algúns dos máis importantes gaiteiros e gaiteiras das catro provincias galegas con estilos e linguaxes ben diferenciadas, creando así un espazo destinado á posta en valor da gaita, dos gaiteiros e da música tradicional, que permite amosar as diferentes técnicas interpretativas, así como as posibilidades e riqueza a través das distintos xeitos de abordar o instrumento.

Unha oportunidade para escoitar ao vivo e de maneira moi próxima a algúns dos principais referentes actuais do instrumento que tamén pon o foco nos artesáns e nos investigadores e compiladores da música tradicional destinando un apartado para presentar tanto as novidades e melloras na construción da gaita como as publicacións arredor do instrumento máis destacadas do momento.

Este ano, como principal novidade, entregarase por primeira vez o galardón O Son da Gaita, que recae en Antón Corral, gaiteiro e artesán coruñés que deixou unha importante pegada na construción da gaita así como no ensino do oficio de artesán ao longo dunha vidad dedicada ao instrumento no Taller. Escola da Deputación de Lugo, na Escola de Gaitas de Ortigueira, no Obradoiro.Escola de Santa Marta de Ortigueira, na Cooperativa Soutelo de Montes, no Obradoiro-Escola de Instrumentos Populares da Universidade de Vigo e no Obradoiro Antón Corral, no que continúa a súa labor.

Como é habitual a programación central divídese en catro bloques: grupos, publicacións, artesáns e solistas. Deste xeito ás 11.00 horas comezarán as actuacións dos grupos Os Xirifeiros, do Carril; Os Erdeiros dos Morenos, de Vigo; e Suevia Tradicional, de Porto do Son. Ás 11:45 horas Xaime Estévez Vila fará un percorrido polas súas múltiples publicacións cun relatorio titulado “Dende A gaita no eido da música ata o Cancioneiro galego da frauta” e Xosé Manuel Fernández Costas presentará a colección “Pezas guapas para gaita, para zanfona e acordeón”. Despois do descanso, ás 12:45 horas, intervirán os artesáns José Manuel Salvado e Lis Latas para amosar o traballo e novidades de Sanín Percusión Tradicional, Santiago de Compostela, e Obradoiro de Gaitas Lis, Lugo, respectivamente. Ás 13:15 horas darán comezo as actuacións dos gaiteiros solistas José Manuel López “Josele”, de Vedra; César Martínez, de Monforte de Lemos; María López, de Neda; Alberto Lago, de Marín; e Diego Mariño, de Vigo, todos eles grandes artistas e destacados referentes da gaita galega.

A xornada rematará cun xantar-foliada a partir das 15.00 horas no restaurante Casa Laura, de Campelo, no que os asistentes poderán gozar das actuacións dos grupos Érbedo, de Ponteareas, e Tríade, de Vigo, así como da interpretación libre dos anteditos artistas e asistentes. A cabida é limitada polo cómpre que as persoas interesadas reserven praza enviando un correo electrónico a acpaidacana@gmail.com.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio