Ángel Moldes: “É unha maneira moi bonita de devolverlle ao centro parte do que lle deu e, ao mesmo tempo, de transmitir aos nenos e nenas valores tan importantes como a paciencia, a constancia e a capacidade de superación”.
A volta ao mundo en 42.000 pezas é o puzzle completado por Nuria Castro Rosales, veciña de Poio e exalumna do CEIP de Lourido, e que desde este curso xa luce no centro.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, participou no acto que o centro organizou esta semana co alumnado de 5º e 6º de Primaria para agradecer a Nuria Castro a súa doazón. Un agasallo que fai como mostra do cariño, a gratitude e o vínculo co colexio que formou parte da súa infancia.
No acto, que contou tamén coa asistencia da concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, e dos familiares de Nuria, o alumnado amosou moita curiosidade pola “fazaña” de Nuria. Así, explicoulles cal foi a primeira peza que colocou, cales foron as maiores dificultades que atopou, que tardou preto dun ano en rematalo e que xa está traballando no seu novo reto: un puzzle transparente de 1.000 pezas.
Moldes agradeceu a xenerosidade de Nuria por ceder un puzzle que supuxo “un reto e un esforzo tan grande para o disfrute de toda a comunidade educativa”. O alcalde puxo tamén en valor que unha exalumna regrese ao seu colexio para compartir coas novas xeracións un traballo ao que dedicou tantas horas e esforzo. “É unha maneira moi bonita de devolverlle ao centro parte do que lle deu e, ao mesmo tempo, de transmitir aos nenos e nenas valores tan importantes como a paciencia, a constancia e a capacidade de superación”, sinalou.
O alcalde animou o alumnado a seguir o exemplo de Nuria e a afrontar con ilusión os seus propios retos, lembrándolles que “non importa o grandes que parezan ao principio, porque con traballo e perseveranza tamén se poden conseguir”.
O puzzle ten unhas dimensións de 7,49×1,57 metros, e está considerado como o maior puzzle comercial do mundo nunha soa imaxe. Baseado na ilustración do artista inglés Adrian Chesterman, representa un percorrido por monumentos, paisaxes e lugares emblemáticos dos cinco continentes, convidando a descubrir a riqueza, a diversidade e a beleza do planeta. “Facelo requiriu moitas horas de paciencia, dedicación e perseverancia, un exemplo de que os grandes retos se consiguen peza a peza”, destacou Nuria.