Trátase dun tótem interactivo en varios idiomas con información útil para os peregrinos sobre aloxamento, restauración, servizos e todo o que facer e ver durante o seu paso polo municipio. A iniciativa busca enriquecer a experiencia dos preto de 35.000 usuarios das variantes xacobeas pero tamén para que “descubran Poio, se queden a xantar ou a pasar a noite, merquen no noso comercio, se convertan en prescriptores e marchen pensando en volver”.
O ‘Punto de Información ao Peregrino’ de última tecnoloxía, instalado polo Concello de Poio na entrada da Casa Consistorial, xa dá a benvida aos miles de camiñantes dos cinco continentes que atravesan o municipio en dirección a Compostela.
Trátase dun tótem interactivo que proporciona aos peregrinos informacións útiles no seu propio idioma sobre as rutas de peregrinación-con mapas descargables da Variante Espiritual e a Ruta Padre Sarmiento-; previsións meteorolóxicas, indicacións para albergues, hoteis, establecementos de hostalaría e comercios así como servizos útiles moi demandados polos peregrinos como farmacias, taxis ou emerxencias.
Os usuarios tamén poderán consultar toda a información sobre o que poden ver e facer durante o seu paso polo municipio, desde o patrimonio cultural e natural ás posibilidades de ocio, as festas e eventos ou as actividades de turismo activo e mariñeiro. Así mesmo, ofrece un Libro de Sinaturas virtual, no que poden deixar mensaxes sobre a súa peregrinación ou comentarios e suxestións para mellorar o percorrido ao paso por Poio.
As distintas seccións poden descargarse directamente nos móbiles dos peregrinos desde o Punto de Atención ao Peregrino, que inclúe unha versión móbil para que os peregrinos poidan consultar a información desde os seus propios dispositivos, accesible en pilgrimpoio.com
“É unha ferramenta pioneira que nos brinda a posibilidade de atender no seu idioma e en calquera momento aos moitísimos peregrinos, na súa maioría estranxeiros, que pasan pola casa do Concello -en ocasións máis de 100 cada día-, e non poden ser atendidos polo persoal municipal”, explicou a concelleira de Turismo Rocío Cochón, que quixo dar a benvida a distintos grupos de peregrinos de Taiwán, Eslovaquia e Brasil para explicarlles o uso do tótem.
Cochón explicou que a iniciativa busca enriquecer a experiencia deses preto de 35.000 peregrinos -segundo datos da Mancomunidade do Salnés- que descobren Poio grazas ao Camiño pero tamén que “cada vez máis poidan quedarse a xantar e cear con nós, pernoctar aquí, marcar no noso comercio local e, despois de rematar o Camiño, se convertan nos mellores prescriptores e marchen pensando en volver”
O dispositivo estivo en fase de probas durante os últimos meses, recollendo as opinións de usuarios e os datos de uso para perfeccionar a interface. O proxecto é unha iniciativa do Goberno local cofinanciada con fondos europeos, a través da Consellería do Mar e o GALP Ría de Pontevedra, e fondos propios do Concello de Poio.