O convenio entre o Concello de Poio e a AECC permitiu realizar 350 intervencións no municipio entre xaneiro e agosto

05/10/2026

O obxectivo é consolidar o amplo programa de atención e prevención ao que poden acceder todas as veciñas e veciños do municipio. Inclúense atención social, psicolóxica, fisioterapeuta, voluntariado así como préstamo de material ortoprotésico, nutricionista ou logopeda.

O convenio asinado entre o Concello de Poio e a Asociación Española Contra o Cancro en Pontevedra permitiu realizar 350 intervencións no municipio entre xaneiro e agosto deste ano. Trátase dunha colaboración que se renova anualmente e coa que se busca consolidar o amplo programa de atención e prevención que desenvolve a entidade e ao que poden acceder todas as veciñas e veciños do municipio.

Segundo a memoria realizada pola entidade, entre xaneiro e agosto foron atendidas un total de 89 persoas, 24 máis que durante o mesmo período de 2025, cando se contabilizaron 65 persoas atendidas e 229 intervencións. Os servizos con maior demanda son os de fisioterapia, atención psicolóxica e social, seguidos dos de logopedia, exercicio físico oncolóxico e nutrición.

A través deste convenio, o Concello de Poio e a AECC colaboran para facer fronte á enfermidade e ás súas repercusións físicas, psicolóxicas e sociais, ofrecendo unha atención especializada e próxima ás persoas enfermas e ás súas familias. A atención préstase tanto na sede da asociación como nos domicilios das persoas máis vulnerables en situación de enfermidade avanzada ou terminal, así como no hospital no caso de que se atopen ingresadas.

Entre os servizos que ofrece a asociación inclúense información e asesoramento sobre o cancro e as súas posibles terapias; xestión de axudas sociais e económicas de carácter urxente e puntual; préstamo de material ortoprotésico; atención psicolóxica individualizada ás persoas enfermas e ás súas familias; fisioterapia e recuperación funcional; así como programas de voluntariado e xuventude.

O voluntariado segue a ser unha peza clave da AECC en Poio e constitúe un dos piares fundamentais do traballo da entidade. Grazas á implicación das persoas voluntarias é posible desenvolver programas, proxectos e actividades dirixidos tanto á poboación xeral como ás persoas con cancro e ás súas familias.

Ademais destes servizos de atención, ao longo deste ano desenvolvéronse en Poio diferentes campañas de prevención, sensibilización e información sobre o cancro. Entre elas figuran as actividades con motivo do Día Mundial contra o Cancro, a campaña de prevención do cancro de colon, a conmemoración do Día Mundial sen Tabaco, as accións de prevención solar e as iniciativas arredor do Día Mundial contra o Cancro de Mama.

O Concello de Poio destinou neste ano 2026 preto de 5.000 euros a subvencións para entidades sociais. Ademais da AECC, entre as beneficiarias atópanse as asociacións Amencer, Alba, Amizade, Xuntos, Persoas Xordas de Pontevedra e Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio