O Concello inaugura un segundo aparcadoiro público e gratuíto en Samieira

18/08/2026

Ángel Moldes: “Supón un importante impulso á mobilidade e á actividade, tanto para a veciñanza, como para os establecementos de hostalería, comercios, pero tamén para todas as persoas que queiran facer uso dos recursos turísticos de primeira calidade que hai na zona”.

O Concello de Poio pon a disposición da veciñanza un novo aparcadoiro público e gratuíto en Samieira. Unha parcela que está situada na PO-308, á altura da Avenida do Covelo número 7, e que dará servizo á veciñanza para acceder ás zonas comerciais e praias de Covelo e do Laño.

O alcalde Ángel Moldes e o concelleiro de Samieira, Manuel Domínguez, achegáronse ata o aparcadoiro, que xa está en funcionamento e que permite estacionar ata un máximo de 24 horas continuadas e, deste xeito, garantir a rotación.

“É un servizo que quere facerlle o día a día máis cómodo á veciñanza de Samieira e do Covelo”, sinala Moldes, que recorda que este é o segundo aparcadoiro público e gratuíto posto en marcha durante este mandato nesta zona. Refírese tamén á parcela acondicionada no acceso ao Peirao do Covelo, en funcionamento desde hai dous anos e con capacidade para outros 50 vehículos.

“A creación destas prazas supón un importante impulso á mobilidade e á actividade nesta zona, tanto para a veciñanza, como para os establecementos de hostalería, comercios, pero tamén para todas as persoas que queiran facer uso dos recursos turísticos de primeira calidade que ofrece Samieira”, destaca.

Nesta liña, o alcalde recoñece que ampliar as prazas de aparcamento en todo o municipio era un “dos nosos compromisos de Goberno, conscientes de que era unha das grandes problemáticas que afectan ao día a día da veciñanza. Era unha reclamación que fixemos durante os nosos anos na oposición, e como Goberno demostramos que con gañas e traballo era posible facelo”.

Así, recorda que o compromiso era crear 1.000 prazas de estacionamento en todo o termo municipal, “e xa superamos esa cifra. Levamos facendo un importante esforzo para cumprir este obxectivo tan ambicioso desde o primeiro momento”.

Nos últimos tres anos, ademais destes dous espazos en Samieira e Covelo, habilitouse tamén unha bolsa de aparcamento de preto de 7.000 metros en Combarro, así como aparcamentos disuasorios en Anafáns, na Finca de Cocacola e na rúa do Adro, en San Salvador.



OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio