O contrato municipal de desbroces completou a súa primeira anualidade a finais de setembro, cun total de 440.210 metros de camiños e vías acondicionados en todo o municipio. Ángel Moldes destaca que “os datos demostran o importante esforzo que estamos realizando para reforzar este servizo, cun plan de traballo que se mantén activo durante todo o ano e que chega a todas as parroquias”.
O Concello de Poio continúa reforzando os traballos de desbroce e limpeza de camiños e vías públicas en todo o municipio. O contrato municipal completou a súa primeira anualidade a finais do pasado mes de setembro cun balance de 440.210 metros desbrozados, o que supón un incremento de case o 9% con respecto ao ano anterior.
O alcalde, Ángel Moldes, destaca que estas cifras reflicten o esforzo que está realizando o Goberno local para mellorar o mantemento dos espazos públicos e dar resposta ás necesidades das diferentes parroquias. “Sabemos que os desbroces son un servizo esencial para a veciñanza, especialmente nun municipio como Poio, cunha importante dispersión territorial e numerosos camiños e vías secundarias. Por iso, seguimos reforzando os recursos e a planificación para chegar cada vez a máis zonas e ofrecer un mellor servizo”, sinala.
Neste sentido, lembra que o Concello incrementou este ano en 250.000 euros o investimento destinado aos desbroces, ata situar a partida anual preto dos 600.000 euros. Unha cantidade que finalmente foi necesario aumentar aínda más para dar resposta ás necesidades do municipio, especialmente ante un inverno marcado por unhas condicións meteorolóxicas complicadas. Este importante esforzo económico permite dar continuidade a un plan de actuación que se desenvolve durante os doce meses do ano e que abrangue todas as parroquias do municipio.
De feito, os traballos non se deteñen en Poio coa chegada do outono, senón que continúan de maneira programada para garantir o mantemento dos camiños, cunetas, zonas verdes e demais espazos públicos. Nas últimas semanas, as actuacións centráronse especialmente en diferentes puntos da Caeira e Boavista, Combarro, San Martiño, Rial, Ucha e San Salvador, entre outras zonas.
Moldes incide en que as condicións climatolóxicas de Galicia, coa alternancia de choivas e temperaturas suaves, favorecen o rápido crecemento da vexetación e fan necesario manter unha actividade constante. “Non podemos limitar os desbroces a uns meses concretos. Somos un dos poucos concellos cun plan de traballo para todo o ano, que imos adaptando ás necesidades de cada momento e co que buscamos mellorar a seguridade, a visibilidade e a mobilidade en todo o municipio”, explica.
Ademais dos traballos da propia adxudicataria do contrato de desbroce, en Poio estas labores compleméntanse con accións doutras empresas locais que realizan traballos nos colexios e noutras zonas específicas para completar os lugares ata onde non chega a adxudicataria. A maiores, tamén se inclúe a actividade desenvolta pola Fundación Juan XXIII, que acondiciona as zonas verdes de Ánkar, Lourido e A Reiboa. E todo isto, reforzado cunha brigada de operarios municipais e, durante os meses de verano, da brigada contra incendios. Nas zonas urbanas, é a propia empresa de limpeza a que realiza os traballos de desbroce, mentres que a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia fanse cargo nas vías que son da súa competencia.
Desde o Goberno local subliñan que o obxectivo é continuar avanzando na mellora e conservación dos espazos públicos, atendendo tanto as vías principais como os camiños secundarios, as zonas rurais e os espazos de uso habitual da veciñanza.