Ese mesmo día asinará coa Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia o convenio que permitirá facer realidade este investimento, que conta cun orzamento de preto de 1,02M€, para proporcionar atención integral ás persoas usuarias. Ángel Moldes: “este mandato estamos facendo o maior investimento social da historia do municipio, en servizos, instalacións e persoal”.
O Concello de Poio presenta este xoves, 10 de setembro, á veciñanza o proxecto do novo Centro de Maiores que se vai construír en Campelo, concretamente nas antigas instalacións da gardería municipal.
Será a partir das 20.00 horas na antiga gardería, nunha reunión aberta á cidadanía na que o alcalde, Ángel Moldes, asinará tamén coa Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia o convenio que permitirá facer un investimento de preto de 1,02 millóns de euros para rehabilitar e acondicionar o edificio e convertelo nun centro destinado a proporcionar unha atención integral ás persoas usuarias.
Ángel Moldes destaca que a presentación deste xoves supón “un paso moi importante para facer realidade un proxecto que responde a unha necesidade da nosa veciñanza e, especialmente, das persoas maiores e das súas familias”.
Neste sentido, recorda que “levamos traballando desde a nosa chegada ao Goberno para que o municipio conte cun Centro de Maiores á altura do que os nosos veciños merecen. Este xoves queremos compartir con eles o proxecto, explicarlles como será e dar un paso decisivo para convertelo nunha realidade”.
O rexedor pon tamén en valor a colaboración institucional que permitirá impulsar a actuación. “Un proxecto desta importancia require sumar esforzos. A implicación da Xunta e da Deputación permítenos avanzar nun equipamento que terá un impacto moi positivo no día a día de moitas familias de Poio e, ademais, permitirá revitalizar Campelo”, afirma.
Moldes salienta que “este mandato estamos facendo o maior investimento social da historia do municipio, tanto na prestación de servizos e no reforzo de persoal como na mellora das instalacións. Estamos mellorando a atención ás persoas”.
ATENCIÓN INTEGRAL E APOIO ÁS FAMILIAS
O proxecto do Centro de Maiores supón un paso decisivo para dotar Poio dun novo espazo pensado para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, con instalacións modernas, accesibles e adaptadas ás súas necesidades.
A rehabilitación da antiga gardería permitirá ofrecer atención profesional sen que as persoas usuarias teñan que abandonar a súa contorna habitual, favorecendo o envellecemento no propio municipio e reforzando o apoio ás familias. O centro ofrecerá servizos como programas de estimulación cognitiva, rehabilitación funcional, comedor adaptado, transporte e acompañamento.
O Concello adquiriu a antiga gardería de Campelo a comezos de 2024 coa vontade de transformala nun referente na atención ás persoas maiores e nun revulsivo social para toda a contorna. Desde ese momento impulsouse a redacción dun proxecto integral, deseñado para responder ás necesidades de atención, coidados, actividade e socialización deste colectivo, así como para ofrecer apoio e respiro ás súas familias.