O Concello de Poio asina a compra a antiga gardería de Campelo para convertela nun Centro de Día

26/02/2024

Ángel Moldes amosa a súa ilusión: “traballamos de xeito intenso e con responsabilidade para avanzar cara novos feitos. A compra deste inmoble era unha oportunidade para ofrecer ás familias un servizo fundamental”.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, asinou esta semana cos Mercedarios do Mosteiro de San Xoan de Poio a compra da antiga gardería de Campelo por importe de 300.000 euros. Unha adquisición que, explica o rexedor, é o primeiro paso para dotar ao municipio do “tan necesario” Centro de Día.

Moldes amosou a súa “ilusión e satisfacción” por materializar a compra desta parcela. “Estamos traballando de xeito intenso e con responsabilidade para avanzar cara novos feitos. Non só saneando as contas do concello, senón tamén tomando decisións importantes para facer realidade compromisos e necesidades”, sinala. Así, defende que “a compra deste inmoble era unha oportunidade para ofrecer ás familias un servizo fundamental. Aproveitamos un edificio en desuso para convertelo nun servizo que é moi demandado e necesario e dar resposta a un compromiso que adquirimos cos veciños”.

O Concello de Poio investiu 300.000 euros en comprar a parcela de Campelo onde se sitúa a antiga gardería. Un prezo que supón un aforro importante respecto do valor da taxación que tiña o anterior Goberno, e que a situaba en máis de 460.000 euros.

A parcela está situada nunha “contorna inmellorable”, con boas comunicacións, accesibilidade, ao carón do Centro de Saúde e entre dúas das parroquias con máis poboación. “Era o momento idóneo para facerse con este inmoble e coa finca para evitar que o edificio continúe deteriorándose”, engade o alcalde.

Agora que a antiga gardería de Campelo xa é de titularidade municipal, Ángel Moldes avanza que o seguinte paso será buscar financiamento para adaptala e poñer en marcha o Centro de Día de Poio. “Pronto vai ser unha realidade. As familias son a nosa prioridade, e estamos convencidos de que este mandato vai ser fundamental para dotalos daqueles servizos públicos que repercuten de xeito directo na súa calidade de vida e no seu benestar”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio