O CONCELLO ACADA A CESIÓN DE DOUS LOCAIS NO PORTO DEPORTIVO DE COMBARRO PARA A PROMOCIÓN E DIFUSIÓN TURÍSTICA DO MUNICIPIO

12/01/2024

2023.

 A tenente de alcalde e edil de Espazos Cidadáns, Transparencia e Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), e o concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), deron a coñecer este venres os detalles da cesión acadada polo Concello de Poio, por parte de Combarromar S. A., concesionaria do Porto Deportivo de Combarro, de dous locais situados na dársena, que serán remodelados e utilizados con destino á promoción e difusión turística do municipio. Díaz e Agís estiveron acompañados de representantes de Combarromar, aos que agradeceron a súa predisposición á hora de facilitar esta negociación. A duración do contrato será de 33 anos, ata 2056, coincidindo coa expiración da concesión.

Os dirixentes municipais salientaron a gran importancia deste acordo, xa que “permitiranos contar cuns espazos visibles e accesibles, cun emprazamento céntrico  inmellorable, que supoñen un gran salto de calidade e unha mellora evidente na proxección turística de Poio”. O convenio establece que o Concello poderá facer uso de dous locais que se emprazan nun inmoble do Porto Deportivo construído no ano 2008. O primeiro destes espazos, de preto de 100 metros cadrados, acollerá unha nova oficina de turismo, “acorde ao que Combarro merece”, tal e como puntualizou Silvia Díaz. Será aquí onde se prestará servizo de atención e asesoramento ás persoas e visitantes que demanden información sobre os atractivos, os valores e os recursos turísticos cos que conta o municipio de Poio. O segundo local, máis amplo (de 150 metros cadrados), dedicarase a espazo expositivo de difusión e promoción do concello, con capacidade para acoller diferentes eventos, como presentacións, conferencias, exposicións ou proxeccións audiovisuais. “Será unha área de participación, que pasará a integrarse tamén na Rede de Espazos Municipais (REM) do Concello de Poio”, adiantou a tenente de alcalde.


Pola súa banda, Gregorio Agís apuntou que con total seguridade estes locais “serán un referente á hora de dar un novo pulo á dinamización e á actividade turística no municipio, que a día de hoxe continúa consolidándose como un dos grandes motores da nosa economía local”. O titular de Urbanismo e Promoción Económica ten claro que o emprazamento “é o máis axeitado non só para poñer en valor e dar visibilidade aos recursos turísticos de Combarro, senón a todos cos que contamos ao longo de todo o concello. Este será o mellor espazo para recibir á xente e ás persoas que nos visiten e que demanden información e supón, sen lugar a dúbidas, acadar unha nova dimensión para a nosa promoción como destino turístico”.

Silvia Díaz e Gregorio Agís estiman que estas dependencias xa estarán operativas “a pleno rendemento” en 2024, se ben se está estudando a posibilidade de que a oficina de información poida estar operativa de xeito temporal de cara a este mesmo verán. Previamente, e unha vez formalizado este convenio, o Concello iniciará os trámites para levar a cabo os traballos de reforma necesarios para poñer a punto ambos espazos. Unha vez licitados, procederase á súa adxudicación e execución. A estimación do orzamento para levar a cabo esta actuación rolda os 165.000 euros, IVE engadido. Outro feito no que poñen o foco tanto a responsable de Espazos Cidadáns, Transparencia e Turismo como o de Promoción Económica e Urbanismo é que este servizo estará operativo durante todo ao ano. “Na actualidade contamos coa oficina situada no Casal de Ferreirós en San Salvador, que está adherida á Rede de Oficinas de Turismo Rías Baixas. Sendo Combarro e o seu conxunto histórico un atractivo turístico de primeira orde, temos claro que aquí tamén é necesario un centro de atención ao visitante que non só estea operativo durante o verán”, concluíron.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio