“Mulleres que fan Poio” chega aos colexios do municipio

21/03/2024

A través do conto, o colectivo Polo correo do vento amosa aos escolares as traxectorias vitais de Rosalía Outón, Elena Padín, Marina Buceta, Milagros Pérez e Peregrina Nores, as homenaxeadas deste ano no 8M.

“Mulleres que fan Poio”, a homenaxe que o Concello de Poio realizou no 8 de marzo a cinco veciñas do municipio, chega aos colexios do municipio da man do colectivo Polo correo do Vento. A través dun conto, no que amosan aos escolares as traxectorias vitais de Rosalía Outón, Elena Padín, Marina Buceta, Milagros Pérez e Peregrina Nores, esta mañá amosaron ao alumnado dos colexios de Viñas e Chancelas as vivenzas, experiencias e loitas destas cinco veciñas que son orgullo e exemplo, mulleres inspiradoras que en época de dificultades sempre conseguiron saír adiante.

Ademais, as xornadas de hoxe contaron coa asistencia de Peregrina Nores, que se achegou ata o colexio de Viñas, e de Marina Buceta, que estivo en Chancelas, coas que o alumnado tivo a oportunidade de interactuar e dialogar. Desde a concellería de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, recorda que a educación é a base para avanzar cara unha igualdade real, “aí debe comezar todo”, e por iso destacan que este tipo de actividades son importantes “para que as xeracións máis novas coñezan as historias de superación das súas veciñas, para que comproben todos os avances que conseguiron e tamén para facerlles reflexionar do que aínda queda por facer”.

Os contacontos retomaranse o 5 de abril nos centros de Lourido, Espedregada e Isidora Riestra.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio