MARGA CALDAS SALIENTA O COMPROMISO DO CONCELLO NO RESPALDO E APOIO ÁS FAMILIAS CON PERSOAS CON PARÁLISE CEREBRAL

12/01/2024

2023.

A Mesa En Defensa dos Dereitos Sanitarios de Poio, na que están representados todos os grupos da Corporación municipal e o tecido asociativo do municipio, celebrará este xoves, 23 de marzo (20.00 horas), unha nova sesión, na que entre os temas a tratar figura unha proposta para que o Concello reafirme o seu apoio a todas as familias do municipio con persoas afectadas por parálise cerebral.

Precisamente, a concelleira de Sanidade e presidenta deste órgano municipal, a nacionalista Marga Caldas, vén de manter hai uns días unha reunión cunha familia da vila que leva anos solicitando á Consellería de Sanidade a dotación dunha cadeira mecanizada para o seu fillo, que padece unha doenza deste tipo. Sen embargo, tal e como explica Caldas Moreira, as solicitudes foron denegadas “porque ao parecer os actuais criterios nos que se basean estas axudas esixen que os usuarios ou usuarias deste tipo de dispositivos teñan capacidade para manexalos”. Unha situación que, a xuízo da titular de Sanidade, “debería modificarse”, de xeito que se faciliten axudas para a obtención deste tipo de cadeiras mecánicas para que “poidan ser manexadas polos coidadores e coidadoras, o que facilitaría os desprazamentos para os enfermos e enfermas, ao tempo que tamén se evite o evidente desgaste físico e psicolóxico das familias”.

Marga Caldas sinala que, ante a situación que viven varios veciños e veciñas de Poio que se atopan nestas circunstancias, a Mesa da En Defensa dos Dereitos Sanitarios de Poio aposta por abordar este tema. “Somos sensibles a este tipo de demandas e entendemos que a Xunta de Galicia debería telas en consideración”, sinala, ao tempo que advirte da merma “na calidade de vida tanto das persoas que padecen este tipo de doenzas como nos seus familiares” que provoca a utilización de cadeiras manuais ou en mal estado. É por iso polo que, unha vez aprobada pola Mesa, esta proposta tamén será levada ao Pleno ordinario do vindeiro 28 de marzo. Deste xeito, o Concello súmase a entidades como a Federación Aspace, que no seu día impulsou unha campaña de apoio estas familias, co obxectivo de difundir a demanda de persoas con crianzas que sofren de parálise cerebral e que ven moi afectada a súa calidade de vida ao non poder convivir con cadeiras de rodas manuais ou desgastadas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio