A primeira participación de Poio na Feira Internacional de Turismo FITUR 2024 segue a dar beneficios un mes despois de producirse. Algún deses froitos son imprevisibles, pero non por iso resultan menos conmovedores, como a adopción de Leo, un dos habitantes máis veteranos da canceira de Poio, por parte da veciña de Samieira Silvia Ramírez, despois de protagonizar xuntos o vídeo promocional do concello.
Poio foi un dos principais focos de atención no stand de Turismo de Galicia na inauguración de Fitur coa proxección deste vídeo, baseado na lenda oriental do ‘fío vermello do destino’, un cordón que conecta a ‘aqueles que están destinados a atoparse’. A peza preguntaba: “E se un día atopas o teu destino?”, e percorría lugares emblemáticos de Poio desde a mirada dunha visitante encarnada pola actriz afeccionada Silvia Ramírez, veciña de Samieira, que tras percorrer varios lugares do municipio arribaba á Illa de Tambo para descubrir que o seu destino era Poio, representado por Leo, un can que estaba en adopción na canceira.
Poucos días despois da estrea do vídeo, e tras algúns paseos, Ramírez comezou o proceso de adopción de Leo e da súa ‘irmá’ Onza, e tras unhas semanas de entrevistas e trámites, formalizaron a adopción. Nas instalacións da canceira no Vilar, Leo volveuse reunir esta semana con Silvia, esta vez acompañada do seu marido Wallace e o seu pequeno Leo, para incorporarse á súa familia xunto á cadela Onza, nun pequeno e emotivo acto no que participaron os concelleiros de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, e de Turismo, Rocío Cochón, e a traballadora da canceira, Aránzazu Dadín.
Leo levaba na canceira máis de dous anos desde que fora atopado na Escusa en moi malas condicións, e pensábase que tiña moi difícil atopar unha familia pola súa idade avanzada, máis de trece anos, e por ter a consideración de can potencialmente perigoso, “pese ao seu carácter tranquilo e bondadoso”. De feito, as últimas imaxes do vídeo amosaban a Ramírez xogando con Leo sobre a area dunha das praias de Tambo, e desde o Concello invitábase a coñecer máis sobre Leo e o procedemento de adopción visitando a canceira.
Durante un paseo polos arredores da canceira, Ramírez explicou que a raíz da gravación do vídeo promocional, sentiu que “era o noso destino adoptar a Leo. Antes da súa chegada estabamos un pouco incompletos e agora con el e a súa irmá Onza somos familias numerosa”. Tiveron que facer algún trámite adicional ao ser cans considerados perigosos, como un exame psicotécnico, “pero pagou a pena”. Agradeceu aos responsables da canceira, “que desde o primeiro día que viñemos pasealos informáronnos e axudáronnos moito”, e tamén ao Concello de Poio por propiciar o encontro e por facilitar e axilizar o procedemento de adopción.
Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, fíxolle entrega da documentación que acredita a Leo e Onza como novos membros adoptivos da familia, e confía en que “a iniciativa que tomou Silvia, a siga moita xente”. Así, pediu á veciñanza que “veña pasear os cans e non dubide en adoptar”, destacando que para o Concello de Poio, “o coidado dos animais e a loita contra o abandono é fundamental”.
Tamén estivo presente a voluntaria da canceira, Aránzazu, que relatou a emoción que supuxo para todos os membros da asociación a adopción de Leo e Onza: “Cando chegaron á canceira tiñan 20 kg menos do que debían. Eran cans que o pasaran mal e parecían predestinado a non ter unha oportunidade”, explicou, “pero pasou algo máxico e estamos moi contentos de que teñan un fogar e unha familia e poidan envellecer xuntos nun lugar de seu”.
Ademais, recorda o procedemento de adopción dos animais que están na canceira: “Poden coñecer máis sobre eles nas redes sociais e no blog https://fogarcan.blogspot.com/ e concertar unha cita no teléfono 620 14 60 33, tamén para participar nos paseos dos sábados da mañá. Os mellores amigos que poderán ter estanos agardando”.
Finalmente, a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, dixo sentirse “profundamente orgullosa de poder poñer un broche de ouro como este a unha historia moi fermosa. Unha historia que comezou falando de destinos entrelazados que se atopan… Quen nos ía dicir que ese destino tamén sería o de Leo, Onza, Silvia e a súa familia?”.
Cochón recordou que Poio quixo que a labor da canceira tamén fose protagonista na presentación en Fitur “xa que ademais de todos os atractivos turísticos, naturais e culturais que queremos que dar a coñecer ao mundo, somos un concello que coida de todos os que viven aquí e nos visitan, tamén dos animais”.
A edil felicitou á canceira polo “fenenomenal traballo” e agradeceu a Silva por amosarnos “que ese fío invisible que nos une ao noso destino existe tamén na vida real e dá momentos marabillosos como este”.