Marcial García sinala que “van permitir mellorar de xeito importante a mobilidade e seguridade dunha vías municipais que contan cun tránsito moi importante, xa que é o acceso principal a Liñares e tamén a servizos turísticos”.
O Concello de Poio avanza na mellora do pavimento e recollida de pluviais nos camiños de Liñares e Paradela, na parroquia de San Xoán. O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, comprobou o avance das obras e sinalou que “van permitir mellorar de xeito importante a mobilidade e seguridade dunha vías municipais que contan cun tránsito moi importante, xa que é o acceso principal a Liñares e tamén a servizos turísticos”.
Para a súa execución, o Concello de Poio destina un investimento de preto de 120.000 euros, con cargo a varios plans. No Camiño de Liñares, cuxos traballos no primeiro tramo están practicamente finalizados, conta cunha subvención da Axencia de Galega de Desenvolvemento Rural a través do Plan de mellora de camiños municipais e, para o tramo final do camiño ata pasado o cruce co Camiño Paradela, destina parte dos ingresos recibidos a maiores da participación dos tributos do Estado correspondentes á liquidación positiva do PIE do ano 2022. Parte destes mesmos fondos destinará para o camiño de Paradela, que dá continuidade á humanización que rematou hai só uns meses na Praza de Liñares. Nestes dous casos, as obras comezarán nos vindeiros días.
García explica que estes camiños de titularidade municipal presentaban un importante estado de deterioro nalgúns puntos, provocados tanto polo desgaste producido pola circulación de vehículos como á erosión orixinada pola auga. Polo tanto, sinala que esta era unha actuación “prioritaria” para o concello, “que vai permitir poñer en valor toda a contorna de Liñares e mellorar a calidade de vida da veciñanza”.
As actuacións no Camiño de Liñares inclúen rehabilitar o firme e a mellora do sistema de drenaxe e evacuación de augas pluviais mediante a instalación da rede de pluviais en parte do tramo de actuación. Así, preténdese reasfaltar o pavimento existente mediante o aporte dunha capa media de 6 cm de mestura bituminosa en quente, gañando todo o espazo que se poida entre muros. Para garantir o bo mantemento do firme e o seu uso por parte dos veciños da zona, dotarase ao camiño dun tramo de tubaxe para recoller e evacuar as augas pluviais.
Con respecto ao camiño de Paradela, rehabilitarase o firme colocando adoquín de granito para dar así continuidade á humanización da Praza de Liñares, na que recentemente se mellorou toda a contorna, dotándoa de plataforma única, cunha nova superficie de empedrado, ademais de ampliar a capacidade da rede de pluviais e eliminar o pozo de rexistro do regato canalizado que se atopaba no centro da praza.