A posta en marcha deste órgano reforza o compromiso do Goberno local coa seguridade, a saúde e a mellora das condicións laborais do persoal público.
O Concello de Poio vén de constituír o Comité de Seguridade e Saúde, un órgano fundamental para garantir a participación do persoal municipal na prevención de riscos laborais e avanzar cara a unhas condicións de traballo máis seguras e saudables.
Neste órgano, integrado de maneira paritaria por representantes do Concello e do persoal municipal, participan o alcalde, Ángel Moldes, e os concelleiros de Obras e Servizos, Marcial García; de Seguridade e Promoción Económica, Maritxe González; e de Persoal, Tucho Muíños; así como representantes dos traballadores e dos sindicatos.
O obxectivo é establecer un espazo permanente de diálogo, participación e colaboración para identificar riscos, propoñer melloras e impulsar medidas preventivas nos diferentes servizos municipais.
Coa súa constitución, o goberno local avanza no cumprimento dunha obriga recollida na Lei de prevención de riscos laborais de 1995 e reafirma a súa vontade de seguir construíndo unha Administración máis responsable, participativa e comprometida cos dereitos e co benestar das persoas que traballan ao servizo da cidadanía.
A constitución deste órgano enmárcase nunha serie de actuacións impulsadas polo goberno local para avanzar na organización e modernización da Administración municipal, entre as que destaca tamén a recente aprobación da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT). Unha aprobación que pretende conseguir unha administración máis áxil, eficiente e adaptada ás necesidades actuais dos distintos servizos municipais.
Así, coa actualización da RPT e coa constitución do Comité de Seguridade e Saúde abórdanse dous ámbitos complementarios da xestión dos recursos humanos: por unha banda, a mellora da estrutura organizativa e, pola outra, o reforzo da prevención de riscos e da participación das persoas traballadoras.
Con estas actuacións, o goberno municipal continúa avanzando na mellora da organización interna do Concello, apostando polo diálogo cos representantes do persoal e por unha Administración que combine a eficiencia na prestación dos servizos públicos coa atención ás condicións laborais dos seus empregados.