Comezan as obras para crear unha pista de atletismo de seis rúas na Seca, cun orzamento de 185.000 euros

13/10/2026

Ángel Moldes pon en valor a aposta polas infraestruturas deportivas de calidade en todo o municipio, como apoio á ampla actividade deportiva que hai en Poio.

Xa están en marcha as obras para crear unha pista de atletismo de seis rúas na Seca. A actuación está financiada con cargo á Deputación de Pontevedra, conta cun orzamento de 185.000 euros e ten un prazo de execución de catro meses.

O proxecto contempla a creación dunha pista de atletismo de seis rúas e unha soa cola ao redor do campo de fútbol exterior da Reiboa. Os traballos inclúen demolicións e movementos de terras, a instalación dun sistema de drenaxe mediante canaletas para a recollida de augas pluviais, así como a pavimentación, marcaxe e sinalización.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e o concelleiro de Deportes, Cándido Muíños, comprobaron esta semana o inicio dos traballos e o desenvolvemento da actuación. Moldes puxo en valor a aposta polas infraestruturas deportivas de calidade en todo o municipio, como apoio á ampla actividade deportiva que hai en Poio.

Unha vez executadas as obras previstas nesta fase, o espazo quedará habilitado para a práctica do atletismo. O proxecto contempla a posibilidade de completar posteriormente a instalación nunha segunda fase cun pavimento que permita cumprir os requisitos técnicos necesarios para avanzar cara á homologación oficial da Real Federación Española de Atletismo (RFEA), conforme aos estándares de World Athletics.

A nova pista permitirá ampliar os espazos dispoñibles no municipio para a práctica deportiva e ofrecerá un lugar específico para o adestramento de disciplinas vinculadas ao atletismo, dando servizo tanto á veciñanza como aos clubs e deportistas. Así, tamén poderá acoller actividades e eventos deportivos, unhas citas que favorecen a chegada de participantes e acompañantes ao municipio en diferentes momentos do ano, cunha repercusión importante para a hostalería, a restauración ou o comercio local.

“Para o Concello de Poio é importante ofrecer instalacións de calidade, que permitan promocionar, impulsar e apoiar diferentes modalidades deportivas, cada vez máis presentes no noso municipio”, destaca Moldes. A través dos fondos provinciais da Deputación de Pontevedra, nos últimos anos xa se executaron outros proxectos para mellorar e ampliar as instalacións deportivas, entre eles a creación da primeira pista Pump-Track de Poio, instalada tamén na Seca, a ampliación dos vestiarios do campo de fútbol municipal, a substitución da cuberta da nave de piragüismo de Combarro ou a creación dunha pista multideportiva en Vilariño, inaugurada hai unhas semanas.

Por outra banda, o Concello de Poio está a tramitar o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) da zona deportiva da Seca, que recibiu a aprobación inicial no último pleno municipal. Este instrumento urbanístico contempla a reserva do espazo necesario para a futura construción dunha piscina municipal cuberta e climatizada.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio