Investimento para executar un muro de contención e mellorar o firme no Camiño do Souto, en Combarro

04/04/2024

Ángel Moldes sinala que é unha obra “moi necesaria para dar solución a un camiño en grave estado de deterioro e que supón, desde hai anos, un risco para a seguridade de condutores e peóns”.

O Concello de Poio executará un muro de contención e mellorará o firme no Camiño do Souto, en Combarro, unha obra “moi necesaria para dar solución a un camiño en grave estado de deterioro e que supón, desde hai anos, un risco para a seguridade de condutores e peóns”, asegura o alcalde, Ángel Moldes.

Deste xeito, explica que o Goberno destinará fondos do plan +Provincia “para dar resposta a unha demanda que os veciños deste lugar levan reclamando desde hai moitos anos porque a situación neste lugar é preocupante, e por iso un dos primeiros investimentos na mellora dos camiños municipais é, precisamente, esta actuación no Camiño do Souto”.

Así, o proxecto inclúe a mellora do firme e escavación en desmonte, preparar o terreo en saneos e escavación mecánica de toxo para cimentación do muro de contención do vial. Ademais, desbrozaranse as beiravías, limparase a vexetación existente e dotarase de sinalización horizontal e vertical para dotar de maior seguridade á zona.

O Goberno xa negociou coa propiedade da parcela para poder facer ese muro de contención que evitará que a rúa continúe desfacéndose e, ao mesmo tempo, ampliar o vial cunha alineación a catro metros do eixe.

O Camiño do Souto é unha vía moi transitada que une Combarro, O Xuviño e Cidrás. En inverno este camiño recibe un importante caudal de auga e por iso faise necesario executar este muro de contención que permitirá mellorar a seguridade.

Moldes recorda que este ano Poio destinará fondos provinciais para dar resposta “a todas esas actuación en camiños rurais que levan anos esperando mantementos e melloras, viais secundarios que son moi transitados polos veciños e que sofren un deterioro tan grande que supoñen un risco elevado de accidentes”. Por iso, sinala que “son pequenos investimentos pero moi necesarios e que, sobre todo, darán un servizo fundamental para a nosa veciñanza”.

Así, ademais deste proxecto, a Xunta de Goberno local xa aprobou destinar fondos provinciais para instalar o alumeado público na rúa do Adro e Travesía Porteliña e para mellorar o firme no camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, no lugar de Encoirados, na parroquia de San Salvador; así como para mellorar o firme e completar a rede de abastecemento e pluviais na rúa Costa de Arriba e renovar o firme e mellorar a recollida de pluviais no Camiño do Souto, en Combarro.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio