Incluída no Calendario Oficial da Federación Galega de Atletismo, as persoas interesadas en participar na proba poden anotarse ata o 20 de maio en carreirasgalegas.com. Tucho Muíños destaca o carácter tradicional dunha carreira que “medra e supera a participación ano tras ano grazas á implicación de numerosos colectivos e persoas”.
O Concello de Poio abriu o prazo de inscrición para participar na tradicional Maratón de Fátima de Campelo, que se celebrará o domingo 24 de maio en horario de mañá. A proba, incluída no Calendario Oficial da Federación Galega de Atletismo, permitirá ás persoas interesadas anotarse ata o 20 de maio a través da páxina web carreirasgalegas.com.
O concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, e o presidente da Asociación de Veciños de Campelo, Manuel Ligero, presentaron oficialmente a carreira acompañados por representantes das entidades colaboradoras.
Durante a presentación, Tucho Muíños puxo en valor o carácter tradicional dunha cita “plenamente consolidada dentro do calendario deportivo de Poio”, destacando especialmente “a implicación de numerosos colectivos, entidades colaboradoras e persoas voluntarias que fan posible cada edición”. O concelleiro sinalou ademais que a Maratón de Fátima “mantén ano tras ano unha participación moi importante, que incluso continúa medrando, involucrando a persoas de todas as idades”, converténdose así nun evento deportivo e social de referencia no municipio.
Pola súa banda, Manuel Ligero destacou que “esta carreira representa moito máis que unha competición, é tradición, esforzo, participación e unión entre xeracións” e animou á participación: “haberá espazo para corredores de todas as idades e niveis, porque o obxectivo é compartir unha xornada de deporte e convivencia”.
A carreira contará con categorías para todas as idades, desde chupete ata maiores de 66 anos, e tamén incluirá modalidades de relevos mixtos, femininos e masculinos. As inscricións son gratuítas en todas as categorías.
Os dorsais e chips poderanse recoller o propio 24 de maio, entre as 9:00 e as 9:50 horas, na Praza da Granxa, lugar onde estará situada tanto a saída como a meta da carreira.
A proba absoluta, cun percorrido de 7,5 quilómetros, dará comezo ás 10:00 horas. As categorías inferiores desenvolveranse a continuación con diferentes distancias adaptadas ás idades participantes. A categoría Xouba percorrerá 3 quilómetros e sairá ás 11:15 horas; a categoría Xurel realizará un percorrido de 800 metros ás 11:25 horas; Ollomol disputará unha carreira de 400 metros ás 11:40 horas; mentres que as categorías chupete e biberón completarán distancias de 200 e 100 metros, respectivamente, a partir das 11:55 horas.
Os premios outorgaranse segundo a orde de chegada a meta, diferenciando categoría masculina e feminina. Haberá trofeos para as tres primeiras persoas clasificadas de cada categoría desde xouba, así como un recoñecemento especial para a primeira atleta local e o primeiro atleta local empadroados en Poio na carreira absoluta.