Iniciado o proceso para licitar a construción dunha pista multideporte en Vilariño, cun orzamento de 135.000€

31/07/2025

Construirase no terreo da rúa Vilariño de Abaixo que adquiriu o Concello para dar así resposta a un compromiso do programa do Goberno.

A Xunta de Goberno local vén de aprobar o expediente para contratar a construción dunha pista multideporte en Vilariño, un proxecto que conta cun investimento de licitación de 134.748,73 euros e que se financiará integramente con cargo ao Plan provincial de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra.

Tras a aprobación hoxe do documento, a oferta publicarase mañá no portal de contratacións e, a partir dese momento, as empresas dispoñen dun prazo de 20 días naturais para presentar as súas ofertas. O prazo de execución das obras será de tres meses.

A pista multideporte, que terá unhas dimensións de 20×10 metros cadrados, contará con peche perimetral, porterías de balonmán e fútbol sala, canastras de baloncesto, rede para pista de tenis, voleibol ou bádminton, ademais de céspede fibrilado ideal para uso da cativada, iluminación con tecnoloxía LED e cumprimento de todas as normativas de seguridade para ofrecer aos usuarios un espazo seguro, de calidade e versátil para a práctica de diferentes modalidades deportivas.

Esta nova área de lecer e de ocio instalarase na parcela que o Concello de Poio adquiriu a finais do ano pasado na rúa Vilariño de Abaixo, unha localización céntrica ao carón dun pequeno parque infantil, unha fonte, un lavadoiro e un cruceiro. Tras a adquisición do terreo e a redacción do proxecto, o Concello de Poio tramitou as autorizacións necesarias ante Augas de Galicia e Patrimonio para poder iniciar o proceso de adxudicación e facer realidade o proxecto no último trimestre do ano.

O alcalde, Ángel Moldes, destaca que “a veciñanza de Vilariño leva tempo reclamando espazos de lecer, e moi pronto poderán gozar dunha nova infraestrutura pensada para todas as idades”. Subliñou tamén que “este proxecto é unha mostra máis do compromiso do Goberno local por mellorar os espazos públicos e cumprir os compromisos adquiridos”.

APOSTA DECIDIDA POLA MELLORA DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS E DE OCIO MUNICIPAIS

Esta actuación en Vilariño súmase a outros investimentos realizados polo Concello de Poio para mellorar as instalacións deportivas e de lecer municipais. Así, recentemente tamén se substituíu a cuberta da nave de piragüismo de Combarro, se puxeron en funcionamento novos vestiarios no campo de fútbol da Seca, inaugurouse a primeira pista pump-track, creouse un novo parque biosaudable na Renda, están en proxecto a remodelación dos parques infantís de Ánkar e de Lourido e avanza o plan de mellora das áreas de xogo de todo o municipio, entre outros. Deste xeito, Poio continúa consolidando unha rede de espazos deportivos e recreativos pensados para mellorar a calidade de vida da veciñanza en todas as parroquias do municipio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio