Escolas de Rugby de toda Galicia participan este sábado nunha xornada de convivencia na Seca

07/05/2024

Ángel Moldes sinala que “supón unha oportunidade para seguir fomentando o deporte e todos os valores que promove, ao tempo que contribúe a dinamizar o noso concello e favorece o noso desenvolvemento socioeconómico”.

Escolas de Rugby de toda Galicia participan este sábado na V Concentración de Escolas de Rugby nos campos municipais da Reiboa, na Seca. Unha cita que está organizada polo Pontevedra Rugby Club e na que colabora o Concello de Poio, e que xuntará a máis de trescentos rapaces de 4 a 12 anos e as súas familias.

Ángel Moldes e o concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, reuníronse esta mañá co presidente do club, Alberto Fernández, coa secretaria, Cristina Lorenzo, e coa vogal e xogadora, Noelia Acuña, para presentar e ultimar esta xornada que, segundo indicou o alcalde, “supón unha oportunidade para seguir fomentando o deporte e todos os valores que promove, ao tempo que contribúe a dinamizar o noso concello e favorece o noso desenvolvemento socioeconómico”.

Esta xornada de convivencia, homologada pola Federación Galega de Rugby, vivirase en formato torneo nos dous campos municipais da Reiboa. Xogarase a nivel formativo e non competitivo, de modo que non haberá marcadores e si moita ensinanza e aprendizaxe da man de adestradores e árbitros. Xa confirmaron asistencia ao acto, que rematará co tradicional terceiro tempo ofrecido polo club anfitrión, Mareantes, o Ferrol RC, Astérix de Viveiro, Fendetestas RC, Capóns de Vilalba, Muralla RC, Zalaeta, Campus Ourense RC, Lalín RC, CRAT de A Coruña, Santiago RC, Ingleses de Vilagarcía e Universidade de Vigo.

Segundo destacan desde o propio club, as concentracións de rugby son unha oportunidade para xogar ao tempo que se coñecen novos lugares e se fan novas amizades a través do deporte. Unha experiencia da man dun deporte que continúa crecendo cada día e que, ademais, en Poio está incluído na oferta que o Concello de Poio ofrece a través das escolas deportivas municipais.


A xornada comezará a partir das 10.30 horas, e ao remate, gozarase do tradicional terceiro tempo do rugby, no que todos os nenos e nenas participantes comerán xuntos na contorna da Seca.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio