CONCELLO E SOGAMA ORGANIZAN XORNADAS DIVULGATIVAS SOBRE RECICLAXE E O QUINTO CONTEDOR PARA VECIÑOS E GRANDES XERADORES 

13/01/2024

2023.

Coincidindo coa conmemoración da Semana Europea da Prevención de Residuos, Concello de Poio e Sogama organizan dúas xornadas divulgativas para formar e concienciar á cidadanía sobre a separación de residuos e informar sobre a implantación do quinto contedor.

A primeira cita será este martes, 21 de novembro, no Casal de Ferreirós ás 20.00 horas, e está dirixido a toda a veciñanza. Durante a sesión, incidirase en como separar todos os residuos e ofrecerase información sobre a implantación do quinto contedor. Todas as persoas asistentes recibirán como agasallos tres bolsas ríxidas de separación de plástico, papel e vidro, un imán para a neveira e unha bolsa da compra.

A segunda xornada será o xoves 23 de novembro, ás 11.00 horas no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, e nesta ocasión estará destinada aos grandes xeradores do concello, entre os que se inclúen restaurantes, taperías, hoteis e lugares de estancia turística, cafeterías, supermercados, residencias da 3ª idade, almacéns e negocios que produzan cantidades considerables de residuos orgánicos. Ofrecerase información e aclararanse dúbidas sobre a implantación do quinto contedor de fracción orgánica, con destino á nova planta comarcal de compostaxe de Vilanova de Arousa. Como agasallos os asistentes recibirán cubos de 10 litros para a cociña, bolsas compostables e unha bolsa da compra.

Recordan que a Lei 7/2022 obriga á separación da fracción orgánica para acadar os obxectivos de separación de residuos, e que o incumprimento desta lei estatal conleva custes económicos engadidos e posibles sancións europeas, polo que o Concello de Poio debe tomar iniciativas para minimizar as posibles consecuencias.

Así, a instalación do quinto contedor iniciarase de xeito piloto nos grandes xeradores por ser os grandes produtores de materia orgánica para, máis adiante, implantalo na totalidade dos fogares do concello, reforzando así a compostaxe comunitaria e doméstica.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio