COMEZAN OS TRABALLOS DE MELLORA DE ACCESIBILIDADE NAS DEPENDENCIAS DA BIBLIOTECA MUNICIPAL

12/01/2024

2023.

Xa están en marcha as obras que servirán para garantir, ampliar e reforzar a accesibilidade e mobilidade nun dos espazos municipais máis importantes do Concello, como é a Biblioteca de Campelo. Nos últimos días deron comezo os traballos para a instalación dun elevador neste inmoble, un espazo que se sitúa en Campelo, na parroquia de San Xoán, e que non só acolle o servizo da Biblioteca, situada no primeiro andar, senón que tamén é utilizado polo alumnado da Escola de Música  e da Escola de Acordeóns de xeito habitual, na planta baixa.

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (Bloque Nacionalista Galego), e a tamén nacionalista Marga Caldas visitaron este xoves as instalacións para pasar revista á obra, que foi adxudicada á empresa Construcciones y Fachadas García. O orzamento do proxecto ascende a un total de 71.799,17 euros, IVE engadido. Dentro das tarefas a realizar por parte da adxudicataria, inclúese a dotación dun elevador, que se emprazará na parte posterior do inmoble. Ademais, tamén se procederá a habilitar unha rampla de aceso desde a vía pública. As melloras tamén afectarán aos aseos, que pasarán a contar con todas as características necesarias para garantir o seu uso para persoas que padezan problemas de mobilidade. Raquel Rodríguez salienta a importancia desta actuación, que suporá “un pulo moi importante para unhas instalacións que son referencia para a nosa veciñanza”.

A edil de Cultura sinala que a intención é que os traballos estean finalizados en poucos meses, dando así resposta a unha demanda “que nos trasladaron usuarios e usuarias”. Ademais, Raquel Rodríguez tamén apuntou que o desenvolvemento dos traballos non impedirá a actividade da Biblioteca, que continuará ofertando servizos de empréstamo de libros e material audiovisual no seu horario habitual, de 16.30 a 19.30 horas, ademais de seguir acollendo de xeito regular iniciativas e actividades lúdicas e culturais, pensadas para mocidade e crianzas de diferentes idades. En todo caso, a concelleira nacionalista expresa o seu agradecemento “pola comprensión e paciencia das persoas usuarias durante estas semanas”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio