Ángel Moldes e Natalia Sabarís visitaron o colexio Isidora Riestra, que este curso estreará novas ubicacións para a biblioteca e o comedor escolar. O Goberno local mantén un contacto permanente cos centros e coas ANPA para atender as necesidades e incidencias que se producen ao longo do curso.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, reuníronse esta semana coa directora do CEIP Isidora Riestra, Leticia Esperón, para comprobar o avance das obras de mellora e mantemento que se están executando de cara ao próximo curso escolar. Concretamente neste colexio, e en colaboración coa Xunta de Galicia, o alumnado estreará a partir de setembro novas ubicacións para a biblioteca e para o comedor escolar.
No primeiro caso, a biblioteca trasladarase ao primeiro andar, onde se está adaptando un espazo moito máis amplo, cómodo e con máis luz para ofrecer un maior confort ao alumnado. A súa antiga aula destinarase ao comedor escolar, o que suporá unha mellora significativa e dará resposta a unha demanda das familias. Ata o de agora, o alumnado debía saír do centro para acceder a unha aula anexa situada no patio, unha situación especialmente incómoda nos días de choiva.
Tamén neste colexio, a Xunta de Galicia cambiará os baños da planta baixa, incluíndo aseos adaptados a alumnado con mobilidade reducida, e creará espazos reservados para a limpeza.
Con respecto ao resto de centros de infantil e primaria, ademais de crear o novo comedor escolar do CEIP de Viñas, o Concello de Poio tamén asumiu traballos de carpintería, instalando tarima flotante en aulas, biblioteca e comedores, pintado de aulas e de zonas comúns, arranxo de parques infantís, traballos de xardinería e instalación de sistema de riego.
Ademais, realizáronse revisións de enchufes, iluminación e pantallas, así como traballos de electricidade, fontanería, e outras obras e reparacións menores, entre as que se inclúen persianas, portas, mobiliarios, bancos, papeleiras, etc.
Tanto o alcalde como a concelleira destacaron o esforzo que se está a facer para garantir que os espazos educativos sexan seguros, confortables e adaptados ás necesidades actuais, ao tempo que reiteraron o compromiso do Goberno local de seguir escoitando á comunidade educativa e actuando con axilidade ante calquera nova demanda ou incidencia que poida xurdir ao longo do curso.