As visitas guiadas volverán á Illa de Tambo en Semana Santa

16/03/2024

Poderanse realizar visitas diarias á illa desde o sábado 23 ata o domingo 31, con saídas desde o Porto de Combarro en grupos de ata 50 persoas nun máximo de catro viaxes. Cada viaxeiro precisa autorización do Concello e billete dunha navieira. Toda a información en concellopoio.gal

O Concello de Poio retomará as visitas guiadas regulares á Illa de Tambo, en grupos limitados e con autorización previa, durante toda esta Semana Santa. Anunciouno a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, durante un desprazamento á Illa para comprobar os traballos de reacondicionamento e posta a punto.

A edil destacou a aposta do Concello por garantir que Tambo “siga sendo unha referencia cultural, natural e de turismo sustentable”.

“Queremos compaxinar a máxima protección da Illa con facer posible que a xente descubra os tesouros que ofrece, sempre con todas garantías e priorizando o respecto ao medio”, indicou.

Por ese motivo, o Goberno local, ademais dos labores de mantemento, limpeza e outras melloras, tamén segue traballando na elaboración dun plan de usos dentro da tramitación dunha figura de protección como o Espazo Natural de Interese Local (ENIL), e colaborando coa veciñanza, colectivos e administracións para que Tambo poida ser coñecida e desfrutada de xeito sostible e responsable.

Cochón destacou o “impresionante legado histórico, cultural e natural da Illa”, que desde a súa situación no centro da Ría de Pontevedra estivo sempre tamén “no centro da historia e a identidade de Poio”, e subliñou a súa condición de “inspiradora de poetas como Góngora, refuxio de pescadores, lazareto de enfermos, guía de mariñeiros, co fermoso faro de Punta Tenlo, obxectivo de corsarios, arsenal da Armada ou lugar de recollemento para relixiosos”.

A edil destacou o interese crecente pola Illa despois de ser protagonista en Fitur e co ‘boca a boca” das persoas que xa fixeron a visita, pero recordou que a prioridade é a sostibilidade: “Xestionar un tesouro coma este é unha gran responsabilidade, e por iso queremos facelo da forma máis sustentable. A Illa e de todos e entre todos debemos coñecela e coidala”.

APERTURA DE VISITAS EN SEMANA SANTA

O período de visitas abrirase o sábado 23 e durará ata o domingo, 31 de marzo, con saídas diarias desde o Porto de Combarro en grupos de ata 50 persoas e cun máximo de catro viaxes diarias, ás 10:15 h e 10:45 h pola mañá e ás 16:00 h e 17:30 h.

Cada viaxeiro precisa unha autorización de acceso, expedida gratuitamente polo concello, e billete dunha das dúas navieiras que contan con servizo á Illa. A duración da visita oscila entre 2,5 e 3 horas e inclúe a realización dunha ruta guiada de uns 2 km por varios dos lugares de especial interese de Tambo. Tamén é posible solicitar autorización como asociación ou colectivo para organizar visitas colectivas.

Os visitantes deben cumprir a normativa aprobada polo Concello, que busca protexer un ecosistema único e prohíbe fumar, tirar lixo, extraer marisco ou danar a fauna e a flora da illa, entre outros.

Os interesados poden atopar toda a información, consultar dispoñibilidade, solicitar a pertinente autorización e realizar a reserva da viaxe na páxina web do Concello de Poio http://concellopoio.gal ou en https://turismopoio.com/que-ver/cultura-y-patrimonio/reservas-isla-de-tambo/.

Despois deste período vacacional, as visitas poderán realizarse os venres, sábados e domingos, coas mesmas condicións de acceso e limitacións do número de visitantes. A posibilidade de visita volverase a ampliar nas vacacións estivais, entre o 15 de xuño e o 15 de setembro.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio