Aprobada por unanimidade a solicitude de declaración de Interese Turístico para a Festa da Ameixa

01/02/2024

O pleno municipal de Poio aprobou este martes de forma unánime a solicitude de declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Festa da Ameixa de Campelo. O acordo plenario unirase agora ao resto do  expediente e remitirase para a súa valoración á Axencia de Turismo de Galicia, que terá cinco meses para resolver.

A proposta foi defendida en pleno pola concelleira de Turismo, Rocío Cochón, que recordou que “pese a sermos un municipio de interese turístico, ata o de agora ningunha festa tivo esta consideración”, e subliñou o seu convencemento de que “por historia e arraigo, ningunha festa mellor para inaugurar ese recoñecemento que a Ameixa de Campelo”.

Cochón destacou o importante traballo de investigación realizado polo persoal municipal na elaboración da memoria xustificativa incorporada ao expediente, con máis de 150 páxinas, e apuntou que “descubrir a historia e os detalles desta festa reafírmanos nos motivos para estar orgullosos ser de Poio e compartir estas tradicións.”

Cochón resaltou que despois de 35 anos, a Ameixa de Campelo “transmite os valores relacionados da cultura mariñeira e marisqueira da vila de Campelo e representa unha oportunidade enorme para Poio polo que supón de desestacionalización e sostibilidade turística, pero tamén de posta en valor dos nosos produtos e a nosa xente do mar” e cumpre todos os requisitos esixidos para ser considerada de interese turístico.

Así, repasou cada unha das esixencias da Lei: “Cumpre a antigüidade, xa que se celebra desde 1988, pero tamén coa continuidade, xa que se hai algo máis difícil que comezar a celebrar unha festa exitosa e facelo todos os anos con implicación e participación”. 

Como explicou, cumpre tamén o criterio da singularidade, “é que todos os que coñecemos a Ameixa sabemos que é unha festa única como é Campelo e a súa xente. Campelo ten personalidade e a súa Festa tamén”. 

Cumpre, desde logo, co valor cultural, e co do arraigo, “porque que despois de 35 edicións a Festa está na conciencia e na identidade dos veciños de Campelo pero tamén de todo Poio, e está consolidada plenamente como unha festa gastronómica, pero tamén cultural e popular, clave da ría de Pontevedra a grazas ao volume de poboación local, visitantes e turistas que se achegan ata Campelo en cada edición.”

Todo isto cúmpreo, segundo Cochón, “grazas ao esforzo de moitísimas persoas, veciños de Campelo, e tamén pola implicación das confrarías, as agrupacións de mariscadoras, as empresas locais e a todos os colectivos que a fixeron posible durante todos estes anos”.

“En definitiva”, subliñou, “a Festa da Ameixa de Campelo merece todos os recoñecementos, e especialmente o de Festa de Interese de Galicia, por senlleira, por única, por valiosa e por arraigada na identidade do noso pobo e especialmente da xente do mar de Campelo, de Poio e da ría de Pontevedra”.

Cochón amosouse convencida de que a próxima edición, a 36ª, será tamén a primeira que se celebrará como Festa de Interese Turístico de Galicia: “Temos unha gran Festa, sabémolo nós, sábeno todos os que nos visitan e moi pronto saberao toda Galicia”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio