Asinou o convenio para financiar o investimento coa Conselleira de Política Social, Fabiola García, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, nun acto que serviu para presentar o proxecto á veciñanza. O Concello transformará a antiga gardería de Campelo nun centro de referencia para a atención integral das persoas maiores, cun investimento superior ao millón de euros.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, destacou hoxe que o futuro Centro de Maiores de Campelo permitirá dar resposta a unha necesidade cada vez máis importante no municipio e cumprir cun compromiso adquirido coa veciñanza: recuperar este espazo para poñelo ao servizo das persoas maiores e das súas familias.
“Os proxectos teñen sentido cando melloran o día a día da xente e queremos un Poio no que se viva ben en todas as etapas da vida”, sinalou.
Moldes presentou esta tarde o proxecto á veciñanza acompañado pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, cos que asinou o convenio que permitirá financiar o investimento necesario para facer realidade o novo centro. No acto tamén estiveron presentes representantes de colectivos e entidades locais, que ateigaron a antiga gardería para coñecer de preto as características do futuro equipamento.
O alcalde incidiu na importancia dun proxecto que “sitúa as políticas sociais e as persoas no centro da acción do Goberno local” e que permitirá recuperar un edificio e unha finca moi vinculados á historia recente de Campelo para convertelos nun novo espazo de atención, encontro, actividade e socialización para as persoas maiores.
“Non hai mellor maneira de recuperar un lugar que forma parte da nosa memoria que converténdoo nun espazo que coide das persoas e que forme parte do seu futuro”, engadiu.
UN INVESTIMENTO SUPERIOR AO MILLÓN DE EUROS
O proxecto supera o millón de euros e contará con financiamento da Deputación de Pontevedra, a través do Plan Extra, e da Xunta de Galicia.
Moldes lembrou todos os pasos dados polo Goberno local para “facer realidade un compromiso que asumimos directamente cos veciños”, desde a adquisición do inmoble e dos terreos ata os cambios de usos urbanísticos, a redacción do proxecto, a procura de financiamento e a licitación e adxudicación das obras.
“Este era un dos proxectos que considerabamos prioritarios para o equipo de goberno desde o inicio do mandato. Xa nos primeiros meses chegamos a un acordo cos propietarios da parcela e da edificación, porque entendiamos que era un inmoble que non se debía perder e que, ademais, se atopaba nunha localización axeitada. Cando pechou a gardería iniciamos as negociacións e adquirimos por 300.000 euros tanto o antigo edificio como os terreos lindeiros”, explicou.
A partir desa adquisición, o Concello redactou o proxecto, cun custo aproximado de 20.000 euros, e iniciou a procura do financiamento necesario para facer realidade o novo centro para persoas maiores.
“Hoxe estamos máis preto que nunca de ofrecer este servizo tan necesario e importante para mellorar a calidade de vida e o benestar dos nosos maiores. Queremos que sexa moito máis que un edificio ou un equipamento. Queremos que aquí haxa vida; que as persoas maiores atopen atención e agarimo, que teñan actividades, compañía e un lugar no que compartir o seu tempo. E queremos tamén que as súas familias atopen o apoio, a tranquilidade e o desafogo que necesitan en moitas ocasións”, subliñou o alcalde.
ATENCIÓN INTEGRAL ÁS PERSOAS MAIORES DE POIO
O Concello de Poio transformará a antiga gardería de Campelo nun espazo de referencia para proporcionar atención integral ás persoas maiores do municipio.
O proxecto contempla tres grandes espazos diferenciados: un centro de día; unha zona de convivencia, aberta tamén a persoas que queiran achegarse para ler o xornal, compartir tempo ou relacionarse coas persoas usuarias; e un amplo espazo exterior especialmente pensado para as persoas maiores.
A actuación inclúe tamén unha sala multiusos como punto de encontro interxeracional e reserva unha ampla zona verde de esparexemento, con áreas de xogo e lecer, na que haberá un campo de petanca, o tradicional xogo da rá, mesas de xadrez e parchís e equipamentos biosaludables.
A reconversión da antiga gardería permitirá, ademais, prestar atención profesional ás persoas maiores sen que teñan que abandonar a súa contorna habitual, favorecendo a permanencia nos seus fogares e proporcionando apoio ás persoas coidadoras.
O novo centro ofrecerá, entre outros, programas de estimulación cognitiva, rehabilitación, servizo de cociña e comedor adaptado, transporte e acompañamento. Estes servizos contribuirán a mellorar de maneira directa o benestar das persoas usuarias e das súas familias, reducir ingresos hospitalarios e reforzar a coordinación entre a atención social e sanitaria.
UNHA RESPOSTA AO ENVELLECEMENTO DA POBOACIÓN
Pola súa banda, a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, destacou que Poio debe adaptar os seus equipamentos e servizos á realidade demográfica do municipio. Máis do 20% da veciñanza ten máis de 65 anos e preto de 1.000 persoas superan os 80 anos, o que representa case o 6% da poboación.
“Temos que anticiparnos e ofrecer servizos que respondan ás necesidades actuais dos nosos maiores, pero tamén das súas familias”, explicou.
Torres puxo tamén en valor que este novo servizo se vaia desenvolver nun espazo especialmente querido en Campelo: “É un lugar que para moitos de nós está cheo de recordos e sentimentos. Moitos medramos entre estas paredes e hoxe temos a oportunidade de darlles unha nova vida, converténdoas nun espazo pensado para coidar, acompañar e reunir os nosos maiores”.
O futuro centro contará cunha localización privilexiada, ao carón do Centro de Saúde e entre dúas das parroquias máis poboadas do municipio, nunha contorna que reúne unhas condicións idóneas para prestar unha atención integral ás persoas usuarias.
“Recuperar este espazo significa tamén apostar por Campelo. Este centro traerá actividade, movemento e vida ao seu redor e contribuirá a revitalizar e dinamizar todo o pobo”, sinalou Moldes.
AS OBRAS COMEZARÁN ESTE ANO
A actuación xa está licitada e adxudicada e conta cun prazo de execución de sete meses.
“A nosa intención é que antes de final de ano as máquinas traballando en Campelo. Para nós é un proxecto especialmente importante polos servizos que vai prestar e, sobre todo, porque está pensado nas persoas”, concluíu o alcalde.
