Ofreceron unha visita guiada na terceira edición do programa “Sígueme”, a primeira que se desenvolve fóra da cidade de Pontevedra. Desvelaron moitos secretos e curiosidades das rúas do casco histórico, mesmo poñéndose na pel de personaxes históricos e veciños emblemáticos da vila combarresa.
Alumnado da Asociación Xoán XIII exerceron este xoves de guías turísticos por Combarro, nun roteiro guiado “cheo de historia e sorpresas”, segundo os responsables do colectivo.
O Grupo de Guías da Asociación -Tina, Bea, Pablo, Ely, Silvia, Erik, Sergio, Noemí, Carlos e Dani- foron turnándose como “cicerones” dunha visita guiada dentro da terceira edición do programa “Sígueme”, sendo esta a primeira vez que se realiza fora da cidade de Pontevedra. Contaron co apoio de educadores do centro como María Franco, a directora Nuria Luque, e da catedrática de Turismo no CIFP Carlos Oroza, xa xubilada, Tina Otero, unha das principais impulsoras do proxecto, que participou en calidade de colaboradora.
A asociación Juan XXIII é un colectivo sen ánimo de lucro dedicada á formación e promoción integral das persoas con discapacidade intelectual, con máis de 56 anos de traxectoia e preto de 350 usuarios, incluíndo 20 de Poio.
O tour, deseñado polos propios usuarios durante os últimos meses, percorreu distintos lugares da vila combarresa, desde a Praza de Chousa ao Peirao, pasando pola rúa do Mar, a praia do Padrón e outros puntos emblemáticos como os cruceiros e as casas mariñeiras.
Ademais de poñer en valor o patrimonio do Conxunto Histórico, os guías tamén desvelaron moitos secretos e curiosidades da localidade, como a orixe do nome “Combarro”, os oficios tradicionais ao longo dos séculos, e chegaron a poñerse na pel de personaxes históricos relacionados coa vila, como San Fructuoso e San Roque, o Arcebispo Gelmírez, sir Francis Drake, Carlos Maside ou a Raíña Urraca, así como veciños de Combarro que desempeñaban oficios tradicionais, como mariñeiros, peixeiras e agricultores.
A visita contou coa participación de preto dunha trintena de usuarios, familiares, educadores e colaboradores da Asociación, así como da concelleira de Turismo de Poio, Rocío Cochón, e Alexandre Penas, un dos informadores turísticos da Escola do Campo. A xornada supuxo un reencontro, xa que Penas foi alumno de Otero durante a súa etapa como profesora.
Logo de rematar a visita, Cochón quixo agradecer a todos os profesores, colaboradores e usuarios envolvidos neste proxecto por elixir Combarro para un proxecto tan especial en torno ao turismo para as persoas con diversidade funcional. “Dentro do destino único que é Poio, temos unha xoia como Combarro, o segundo lugar máis visitado da nosa Comunidade: o balcón de pedra desde o que Galicia mira ao mar, e resulta marabilloso poder descubrilo con outros ollos e escoitalo tan ben explicado grazas a esta iniciativa”.
“Somos uns afortunados porque desde hoxe temos novos guías en Combarro, en palabras da súa profesora, guías guays, e pola nosa parte esperamos que isto non quede aquí”, rematou Cochón: “Estamos á disposición para traballar en garantir a mellor experiencia turística a todos, independentemente da súa condición, e seguiremos traballando para ademais de ser unha referencia turística, selo tamén en turismo accesible”.