Tucho Muíños destaca que para o Goberno local é importante ofrecer instalacións de calidade, coas que promocionar, impulsar e apoiar diferentes modalidades deportivas.
O Concello de Poio vén de licitar a construción das novas pistas de atletismo na Seca á empresa EC Casas, por importe de 183.465 euros, e cun prazo de execución de catro meses.
O proxecto, que se executará con fondos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, contempla a creación dunha pista de atletismo de seis rúas e unha soa cola ao redor do campo de fútbol exterior da Reiboa. As obras incluirán tarefas de demolicións e movementos de terras, a instalación dun sistema de drenaxe mediante canaletas de recollida de pluviais, así como a pavimentación, marcaxe e sinalización.
Esta intervención permitirá habilitar unha primeira fase plenamente operativa para a práctica deportiva en condicións óptimas. Nunha fase posterior, está prevista a instalación dun pavimento de tartán que posibilitará a homologación oficial da Real Federación Española de Atletismo (RFEA) conforme aos estándares da World Athletics.
Segundo explica o concelleiro de Deportes, Tucho Muíños, esta nova infraestrutura permitirá dar resposta á crecente demanda da veciñanza e dos clubs locais, ao tempo que ampliará e diversificará a oferta deportiva municipal, cun espazo moderno e versátil para o adestramento e a competición. “Para o Goberno local é importante ofrecer instalacións de calidade, que permitan promocionar, impulsar e apoiar diferentes modalidades deportivas, cada vez máis presentes no noso concello”, sinala.
Esta actuación enmárcase na aposta do Concello de Poio polo reforzo das infraestruturas deportivas municipais. Nos últimos anos, desenvolvéronse iniciativas para mellorar e ampliar as instalacións deportivas do municipio. Así, a través do Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación xa se executaron outros proxectos como a creación da primeira pista Pump-Track de Poio, instalada tamén na Seca, a ampliación dos vestiarios do campo de fútbol municipal, a substitución da cuberta da nave de piragüismo de Combarro ou a creación dunha pista multideportiva en Vilariño, actualmente en execución.