A XUNTA LICITARÁ ESTE ANO O INSTRUMENTO DE ORDENACIÓN QUE PERMITIRÁ IMPULSAR O PARQUE EMPRESARIAL DE FRAGAMOREIRA

13/01/2024

2023.

A Xunta de Galicia licitará antes de que remate o ano a redacción do Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE) do futuro polígono de Fragamoreira, un instrumento de ordenación que permitirá definir e planificar a creación desta área industrial de Poio, tal e como avanzou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a reunión que mantivo co alcalde, Ángel Moldes.

Neste sentido, a vicepresidenta explicou que o futuro polígono está previsto no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (Psoaeg), impulsada polo Goberno galego. Cómpre lembrar que o PEOSE é un documento que, xunto co proxecto de urbanización, definirá o número de parcelas e o seu tamaño, as prazas de aparcadoiros ou as zonas verdes a desenvolver, entre outras cuestións.

Segundo indicou a vicepresidenta segunda, o polígono industrial proxectado no municipio disporá dunha superficie bruta de preto de 390.000 metros cadrados, dos que o 20% xa foi adquirido por Xestur por máis de 2,5 M€.

Así mesmo, Ángeles Vázquez puxo en valor tanto a planificación como o esforzo investidor que fai cada ano o Goberno galego en materia de solo industrial, a través do financiamento de novos desenvolvementos e da aplicación de bonificacións dun 30% ou dun 50% —dependendo da localización dos parques— sobre o prezo de venda das parcelas da súa propiedade.

Esta aposta da Xunta, plasmarase nos orzamentos para o vindeiro exercicio en máis de 40 millóns de euros para executar actuacións en 22 parques galegos. 

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio