Rocío Cochón comproba os traballos de limpeza, desbroce e acondicionamento que se están levando a cabo para garantir a mellor experiencia e a máxima seguridade para os visitantes.
O Concello de Poio ultima xa a posta a punto da Illa de Tambo para os viaxeiros que a queiran coñecer ou redescubrir en Semana Santa. A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, supervisou este mércores os traballos de limpeza, desbroce e acondicionamento que se veñen reforzando nos últimos días de cara a este periodo vacacional.
Cochón recordou que as visitas poderán realizarse entre o xoves 17, e o domingo 20, con saídas diarias desde o Porto de Combarro en grupos de ata 50 persoas, cun máximo de catro viaxes por día.
Cada viaxeiro precisa unha autorización de acceso, expedida gratuitamente polo Concello, e billete nunha das dúas navieiras que contan con servizo á Illa. A duración da visita oscila entre 2,5 e 3 horas e inclúe unha ruta guiada de uns 2 km pola senda circular que percorre varios lugares de especial interese de Tambo.
Os visitantes deben cumprir a normativa aprobada polo Concello, que busca protexer un ecosistema e un patrimonio únicos e prohíbe fumar, tirar lixo, extraer marisco ou danar a fauna e a flora da illa, entre outros.
Os interesados poden atopar toda a información, consultar dispoñibilidade, solicitar a pertinente autorización e realizar a reserva da viaxe na páxina web do Concello de Poio http://concellopoio.gal ou en https://turismopoio.com/que-ver/cultura-y-patrimonio/reservas-isla-de-tambo/.
Despois da Semana Santa, as visitas seguirán abertas os venres, sábados e domingos, coas mesmas condicións de acceso e limitacións do número de visitantes. Tamén é posible solicitar autorización como asociación ou colectivo para organizar visitas colectivas. O período de visitas volverase a ampliar nas vacacións estivais, entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, aproximadamente.
Despois de comprobar as tarefas de acondicionamento de varios puntos emblemáticos da illa, como a praia de Area da Illa, o Faro de Tenlo, a Capela de San Miguel ou o Lazareto, que están xa practicamente preparados para recibir os visitantes, Cochón quixo destacar a aposta por garantir que Tambo “siga sendo unha referencia natural, cultural e patrimonial pero tamén de turismo consciente e sustentable”, grazas ao compromiso por compaxinar a protección dos tesouros da illa “con darllos a coñecer ao mundo de forma responsable”.
Por ese motivo, durante o último ano levouse a cabo un esforzo constante desde a administración municipal, coa aprobación do Plan de Emerxencias da Illa e os avances no Plan de Usos e na declaración como ENIL, a participación nas Comisións de seguimento, ou as visitas con técnicos da Xunta para afondar na investigación arqueolóxica.
Este traballo institucional e normativo tivo un reflexo na difusión e conservación dos valores da Illa, en colaboración coa veciñanza e os colectivos, coas Xornadas do Padre Sarmiento ou os Cursos sobre Turismo Patrimonial, que permitiron triplicar o número de profesionais e veciños con coñecemento especializado sobre a Illa.
“Somos afortunados de contar cun legado histórico, natural e cultural extraordinario, como o de Tambo, pero tamén supón unha enorme responsabilidade”, explicou Cochón: “Por iso traballamos paseniño, pero coa máxima dedicación e compromiso, para que poida ser coñecido e desfrutado de forma sostible e preservado para as futuras xeracións”.
Finalmente, Cochón convidou a facer a solicitude de autorización e a reserva de praza, xa que son limitadas, e son o billete “a unha experiencia realmente marabillosa”. Dirixíndose aos visitantes que porán pé na Illa esta Pascua, desexoulles unha boa pasaxe: “Aos que ides descubrir Tambo por primeira vez, parabéns por explorar un lugar realmente único, como o é Poio, e aos que xa estivestes, benvidos de volta e compréndovos perfectamente, porque esta illa cautiva ao que a coñece; e a todos, boa estancia e sentidiño!”.