2023.
concelleira de Educación, a nacionalista Raquel Rodríguez, anima ás familias de Poio a matricular, de cara ao vindeiro curso lectivo 2023-2024, aos seus fillos e fillas nos CEIPS existentes no municipio. Neste sentido, a edil do BNG lembra que son varios os colexios que nestas datas están a celebrar xornadas de portas abertas, polo que “é unha oportunidade excelente para que as nais e pais poidan coñecer de primeira man as instalacións, os servizos e as actividades que se levan a cabo durante o curso”.
Rodríguez Alonso ten claro que “Poio é un concello dinámico, en crecemento, no que contamos cun índice de poboación moi elevado, polo que estamos nun contexto moi favorable para que o número de matriculacións continúe aumentando”. A este respecto, a titular de Educación lembra que os colexios de Poio “son centros que trascenden máis alá da ensinanza, xa que tamén están plenamente comprometidos na transmisión de valores que teñen que ver co respecto polo medio ambiente, os hábitos saudables ou a igualdade”, grazas ás actividades que, en colaboración co Concello, se desenvolven de xeito habitual en todos eles.
Raquel Rodríguez tamén aproveitou a ocasión para poñer en valor o labor e o esforzo que realiza a comunidade escolar ano tras ano, en coordinación coa Administración municipal, “o que nos permite estar en contacto permanente para dar resposta ás súas necesidades, dentro das competencias que ten o Concello, e a impulsar actividades formativas e lúdicas para nenos e nenas de diferentes idades”.