A Banda de Música de Poio fará historia con “Estrelas de rock”, xunto a Javier Ojeda e Goar Iñurrieta

24/02/2026

Ángel Moldes anima a veciños e visitantes a asistir ao evento e a gozar dun concerto que tamén servirá para poñer en valor o traballo que está a realizar a agrupación. O concerto celebrarase o sábado 7 de marzo na Seca, ás 20.00 horas, con entrada gratuíta. O público pode asegurar o seu sitio de balde neste formulario: https://forms.gle/s2Ysfhapd9vWxEbw9

A Escola de Música de Poio (EsMu), en colaboración co Concello de Poio, presentou hoxe oficialmente o concerto especial “Estrelas de rock”, unha proposta musical que levará á Banda de Música de Poio a compartir escenario con dous referentes da música estatal: Javier Ojeda e Goar Iñurrieta.

O concerto terá lugar o sábado 7 de marzo, ás 20.00 horas, nunha carpa instalada na Seca. A entrada será gratuíta, aínda que as persoas interesadas en asistir poden reservar previamente o seu sitio a través dun formulario habilitado pola organización (https://forms.gle/s2Ysfhapd9vWxEbw9). Esta opción estará dispoñible ata o domingo, 1 de marzo, e xa hai máis de 300 butacas reservadas. Con todo, non é necesario anotarse para poder disfrutar do concerto de pé.

“Estrelas de rock” será un concerto moi especial e tamén histórico para a banda, xa que é a primeira vez que se organiza unha actuación destas características, na que a formación interpretará un repertorio baseado na música pop e rock xunto a artistas convidados.

Durante a presentación, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, animou a veciños e visitantes a asistir ao evento e a gozar dun concerto que tamén servirá para poñer en valor o traballo que está a realizar a Banda de Música de Poio e a súa Escola de Música.

Pola súa banda, desde a organización destacan que esta iniciativa nace coa intención de ter continuidade no tempo e converterse nunha cita fixa, abrindo a banda a novas colaboracións e propostas musicais en futuras edicións.

A Banda de Música de Poio leva semanas preparando este espectáculo, no que participarán preto de 40 integrantes de idades comprendidas entre os 8 e os 80 anos, nun proxecto que combina formación musical, colaboración artística e unha proposta pensada para todos os públicos. Uns ensaios que terán tamén a oportunidade de realizar xunto aos artistas convidados.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio