As persoas interesadas en participar xa se poden anotar nos cursos, entre os que se inclúen iniciación á informática e internet, vídeo conferencias, competencias dixitais, memoria, enderezo electrónico ou edición de textos.
A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica, Aula CeMIT, do Concello de Poio retoma a súa actividade tras o parón do verán. Ao longo do mes de setembro impartirá un total de nove cursos de formación, que se centrarán fundamentalmente na iniciación á utilización de programas e aplicativos necesarios para o manexo de novas tecnoloxías.
O primeiro curso, “Alfabetización dixital: Iniciación á informática”, impartirase entre o 1 e 5 setembro, en horario de mañá, e ofrecerá ao usuario os coñecementos básicos para manexar un ordenador, desde acender e apagar correctamente o computador, ata o manexo do rato, ou o uso dos arquivos e das carpetas. As persoas interesadas en participar xa se poden anotar na propia aula CeMIT, situada na Escola do Campo de Combarro.
A seguinte semana, entre o 8 e 11 de setembro, impartirase o curso “Iniciación a Internet”, que, entre outras cuestións, ensinará como realizar procuras sinxelas nun buscador ou seguir as ligazóns para navegar polas páxinas web.
“Vídeo Conferencias” impartirase o luns 15, “Obradoiro de competencias dixitais” o martes 16, e “Iniciación ao correo electrónico”, entre o 17 e 19, curso no que se explicará como crear unha conta de correo electrónico, o seu funcionamento, ver os correos recibidos, respondelos ou enviar un novo, así como engadir e xestionar os contactos e a axenda.
A semana do 22 ao 25 de setembro, desenvolverase o curso “Iniciación Libre Office Writter”, no que o alumnado adquirirá os coñecementos básico para escribir e editar un documento. E, por último, a derradeira semana do mes inclúese un taller de memoria, e sendos cursos de iniciación á informática e libre office, nestes casos xa en horario de tarde.
Todos os cursos son gratuítos, están destinadas a maiores de 14 anos e impártense presencialmente na propia aula. Nas inscricións terán preferencia as persoas residentes en Poio.
Ademais, desde o Concello de Poio recordan que tamén estará aberta a aula de acceso libre de luns a venres en horario de mañá, nas que calquera usuario que o desexe pode facer uso do equipamento e da conexión á Internet da aula de 10.00 a 11.00 e de 12.30 a 13.30 horas, sempre con cita previa. Como xa é habitual, as asociacións e colectivos locais teñen tamén a opción de poder reservar a utilización dos ordenadores para a realizar as súas actividades.