30 anos de Protección Civil

15/07/2024

O Concello de Poio e a agrupación traballan nun acto aberto para render homenaxe aos voluntarios que formaron parte dela nalgún momento da súa historia.

Protección Civil de Poio cumpre mañá, domingo dia14 de xullo, 30 anos e desde o Concello de Poio e a agrupación xa traballan nun acto aberto para render homenaxe aos voluntarios que nalgún momento da súa historia formaron parte da agrupación. Hai 30 anos, o 14 de xullo de 1994, que Protección Civil de Poio se inscribiu no rexistro de agrupacións, pero a homenaxe realizarase en outubro, coincidindo co momento no que se constituíu oficialmente e se publicaron os seus estatutos.

O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Maritxe González, reuníronse esta semana con parte da directiva de Protección Civil de Poio para comezar a organizar este recoñecemento á labor de todas as persoas que, de xeito totalmente altruísta e comprometido, fixeron unha importante labor de servizo público e protección á cidadanía. Así, acordaron que será un acto aberto, ao que se convida a participar a todas as persoas que nalgún momento deses 30 anos formasen parte ou tiveran un vínculo coa agrupación. Para facelo, xa se poden anotar no teléfono do concello 986770001, ou no enderezo electrónico da agrupación avpc@concellopoio.org.


Ángel Moldes pon en valor “o traballo, a disposición, o compromiso e a preparación” de todos os voluntarios, “que ao longo destas tres décadas fixeron unha labor fundamental e moi recoñecida para Poio e para a veciñanza”. Ademais, destaca a traxectoria de Manuel Vicente, presidente de Protección Civil de Poio e que leva xa 28 anos na agrupación; de Víctor M. Lores, que forma parte desde os inicios hai 30 anos; José Luis Castiñeira, que é membro desde hai 28 anos; e de Luis Miguel García Rodríguez, que vai cumprir 26 anos en Protección Civil de Poio e hai uns días recibiu hai uns días a medalla ao mérito da Xunta.

Con todo, fixo extensible este recoñecemento e agradecemento aos máis de 30 voluntarios que hoxe forman Protección Civil de Poio. “Esperamos reunilos en outubro, trasladarlle o agradecemento sincero de Poio e de toda a veciñanza, por toda a súa traxectoria e por todo o traballo que de xeito totalmente voluntario, por ese sentimento de pertenza e de servizo público, desenvolveron neste tempo. Un traballo que, ademais, fai que Protección Civil de Poio sexa referente en Galicia”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio