POIO MARCA UN NOVO TEITO HISTÓRICO AO ROZAR AS 4000 PRAZAS DE ALOXAMIENTO TURÍSTICO

12/01/2024

2023.

O concello de Poio roza a día de hoxe as 4.000 prazas de aloxamento turístico. Consolídase, deste xeito, o crecemento paulatino que se vén experimentando nos últimos anos e que permitiu superar por primeira vez as 3.000 unidades no ano 2020. Así o reflicten os datos actualizados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que cifra en 3.948 o número exacto de prazas. Isto supón un incremento dun 8% con respecto ao 2022, cando se rexistrou o récord anterior cun total de 3.639. A tenente de alcalde e responsable da área de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), sinala que estas cifras “corroboran a boa saúde do sector a nivel local, que continúa a consolidarse como un dos grandes dinamizadores económicos do municipio, ao tempo que se reforza a imaxe de marca que ten Poio como destino turístico”.

As prazas ás que fai mención o IGE corresponden a establecementos como hoteis, pensións, albergues, locais de turismo rural, campamentos, vivendas turísticas, apartamentos turísticos e vivendas de uso turístico. Un ano máis, é nesta última categoría na que se experimenta un maior crecemento, algo que tamén está a ser habitual desde o ano 2018, momento no que a Xunta de Galicia empezou a contabilizar este tipo de negocios. “Daquela había aproximadamente un millar de unidades e agora xa son máis de 2.000, o que dá unha idea da extensión paulatina deste modelo de aloxamento”, apunta Díaz, que tamén salienta que neste ano incrementáronse o número de prazas correspondentes a pensión, pasando das 83 de 2022 ás 107 actuais. No caso das vivendas, pásase concretamente de 1.756 a 2.039. No resto de modelos de establecementos mantense unha estabilidade que se reflicte no feito de que non se rexistraron descensos no informe elaborado polo Instituto Galego de Estatística, no que figuran, un ano máis, as 1.117 prazas de hoteis ou as 518 correspondentes a apartamentos.

Boa parte destes espazos estarán xa a disposición das persoas que decidan visitar Poio durante a Semana Santa. Segundo apunta a tenente de alcalde e concelleira de Turismo, “estimamos que preto dun 70% dos hoteis, apartamentos e casas rurais abrirán xa as súas portas para estas datas, ás que hai que engadir as vivendas turísticas e inmobles para uso turístico”. Con respecto ás previsións de ocupación, Silvia Díaz confía en que en caso de que as condicións meteorolóxicas acompañen as cifras sexan moi positivas. “Esta é unha época na que sobre todo detectamos moito turismo de proximidade e a chegada de persoas doutros lugares da Península”, indica, ao tempo que nos últimos anos tamén se constata un incremento de visitantes máis alá da tempada estival. “O bo tempo é importante, pero afortunadamente en Poio contamos con recursos e puntos de interese o suficientemente atractivos como para seren visitados e gozados durante calquera época do ano”, recalca a tenente de alcalde, que tamén salienta nesta Semana Santa xa se retomarán de xeito regular as visitadas guiadas á Illa de Tambo, que se suman a outros recursos que fan de Poio un destino especial, como o Casco Histórico de Combarro, as rutas dos muíños e dos miradoiros, a Variante Espiritual do Camiño Portugués ou a súa gastronomía.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio