GREGORIO AGÍS ANUNCIA O INMINENTE INICIO DA HUMANIZACIÓN E REHABILITACIÓN INTEGRAL DA RÚA RAMÓN ENCINAS DE RAXÓ

11/01/2024

2023.

Xa está todo listo para que dea comezo un dos proxectos de maior calado dos que se acometerán ao longo do presente mandato. O concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, o socialista Gregorio Agís, confirmou este mércores que nos vindeiros días iniciaranse as obras de rehabilitación integral e humanización da rá Ramón Encinas, situada nas inmediacións do peirao de Raxó. Trátase dunha actuación que conta cun orzamento que supera os 715.000 euros, IVE engadido, e que se fai realidade grazas á obtención de fondos europeos que o departamento municipal acadou a través do  Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE), dependente do Goberno central.

Esta xestión permite cubrir o 80% da contía, mentres que o 20% restante será asumida polo Concello. Tal e como sinalou Agís, que lembrou que a actuación suporá “unha transformación radical dun dos puntos neurálxicos da parroquia de Raxó, pola súa importancia a nivel social, marítimo e turístico”, xa está a instalarse a maquinaria e a retirar elementos da rúa para garantir o correcto desenvolvemento dos traballos. A actuación será levada a cabo pola empresa Narom, logo de que a súa adxudicación fose aprobada a finais do mes de decembro. “Sen dúbida este é un paso decisivo para cumprir co obxectivo que nos marcamos na recuperación da fachada costeira de Raxó, que se completará coa reforma do tramo do espazo portuario pertencente a Portos de Galicia, e no que o Concello tamén achega o 30% do orzamento”, indica o edil do Goberno local. Cómpre lembrar que, precisamente, o convenio con Portos para facer realidade esa obra será aprobado no Pleno ordinario de xaneiro.

Gregorio Agís sinala que os primeiros traballos da actuación centraranse nas vindeiras semanas na substitución e instalación das tubaxes correspondentes aos novos servizos básicos, como son saneamento, pluviais e telecomunicacións. O edil de Urbanismo adianta que estas tarefas farán que, en moitos casos, o aceso do tráfico rodado restrinxirase exclusivamente a residentes. “Somos conscientes de que é unha obra complexa e agradecemos a paciencia da veciñanza que, sen dúbida, verase recompensada cunha transformación da contorna que garantirá a mobilidade e accesibilidade universal, cunha maior seguridade peonil”, apuntou o concelleiro do PSdeG-PSOE.

O proxecto prevé a pavimentación, con materiais sostibles e de gran calidade, nunha lonxitude de preto de 300 metros, ademais da creación de dúas zonas exclusivas para peóns, unha na parte máis próxima á praia e outra ás vivendas e locais existentes na zona, o que redundará nunha mellora da accesibilidade, facilitando o tránsito a pé e en bicicleta, sinala Gregorio Agís. O reforzo da seguridade peonil, dándolle un maior protagonismo ao peóns en detrimento do tráfico rodado tamén incidirá na redución de emisións e da pegada de carbono, que é un dos obxectivos da Axenda2030. A obra deberá estar rematada durante o primeiro semestre de 2023, para dar cumprimento aos prazos previstos.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio