Poio estrea o proxecto Barco Dragón, coas mariscadoras como protagonistas

30/09/2026

Ángel Moldes asistiu á presentación desta iniciativa do Club de Piragüismo Poio, que combina exercicios de fortalecemento muscular, estiramentos e preparación física ao tempo que transforma a relación destas mulleres co mar.

Poio estrea o proxecto Barco Dragón: Remando xuntas pola saúde, o mar e a cohesión social, unha iniciativa do Club de Piragüismo Poio que ten as mulleres mariscadoras como protagonistas. O alcalde, Ángel Moldes, asistiu en Combarro á presentación do proxecto e do equipo, xunto ao presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea.

Moldes destacou o valor dunha iniciativa “que une deporte, saúde e convivencia e que, ademais, pon no centro ás nosas mariscadoras, mulleres que forman parte da identidade, da tradición e da historia de Poio”. O alcalde agradeceu tamén ao Club de Piragüismo Poio a posta en marcha deste proxecto e animou ás participantes “a gozar desta nova maneira de vivir o mar”.

O obxectivo desta iniciativa é transformar a relación destas mulleres co mar, ofrecéndolles unha experiencia alternativa. Así, fronte a un traballo diario vinculado ao medio mariño e cunha elevada esixencia física e emocional, o barco dragón permite converter o espazo laboral nun ámbito de saúde, lecer e desenvolvemento persoal.

As sesións realízanse semanalmente na nave de piragüismo de Combarro e combinan a actividade física en equipo con exercicios de fortalecemento muscular, estiramentos e preparación física adaptada. Unha estrutura que permite mellorar a resistencia cardiovascular, a forza e a coordinación; reducir dores e tensións derivadas do traballo no mar e, ao mesmo tempo, reforzar a autoestima, diminuír o estrés e fortalecer a cohesión social.

Ademais das saídas pola ría, entre Combarro e Campelo, o programa inclúe tamén desprazamentos a outras zonas costeiras e a participación en eventos deportivos.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio