Poio dá “un paso de xigante” para construír a “tan ansiada” piscina municipal cuberta e climatizada

30/09/2026

O Goberno local aproba inicialmente o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) da Seca, o documento imprescindible para reservar o espazo e facer posible a nova instalación deportiva. Adxudicado tamén o novo contrato da auga, que contempla investimentos de 15,4M€ para mellorar a rede de saneamento e abastecemento de auga.

O Concello de Poio avanza na creación da piscina municipal cuberta e climatizada coa aprobación inicial do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) da zona deportiva da Seca, o instrumento urbanístico que permitirá reservar o espazo necesario e facer posible a construción desta nova instalación.

“É un paso de xigante para facer realidade a tan ansiada piscina municipal e poñela o antes posible a disposición dos veciños e veciñas de Poio”, destacou a concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, durante o pleno de setembro que se celebrou onte. O documento, explicou, culmina tres anos de traballo técnico e administrativo e chega á súa aprobación inicial unha vez recibido este mes o último informe sectorial que estaba pendente, o de Costas do Estado.

O PEID ordena unha parcela municipal de 56.253 metros cadrados na Seca e reserva unha zona edificable de máis de 1.200 m² para a construción da futura piscina cuberta, que poderá integrarse co actual edificio do ximnasio. O resto do ámbito, preto de 54.700 m², intégrase nunha zona de mantemento que abrangue as instalacións deportivas existentes e os seus espazos asociados.

Cochón puxo en valor que este avance é resultado dun proceso iniciado polo actual Goberno local nada máis asumir a responsabilidade municipal en xullo de 2023. “Cando chegamos ao Goberno non había nada feito e tivemos que iniciar todo o proceso desde cero, da man dos técnicos municipais e das diferentes administracións”, sinalou.

Neste sentido, lembrou que a piscina municipal “levaba 20 anos sendo unha promesa electoral” dos anteriores gobernos, pero advertiu de que durante todo ese tempo non se avanzara na ordenación urbanística necesaria para poder construíla. “Nin antes nin despois da moción que presentamos en 2020 moveron un papel para poder facer unha nova instalación na Seca”, afirmou.

Fronte a esa situación, destacou que o actual Goberno “pasou das propostas aos feitos” e iniciou en 2023 os traballos de campo, a delimitación do ámbito, os planos topográficos e as tarefas preparatorias. En 2024 licitouse o contrato para a elaboración do PEID e, xa en 2025, adxudicouse e iniciouse a súa tramitación ante as diferentes administracións.

“É unha honra formar parte dun Goberno que cumpre o que promete, que fai o que di e que primeiro presenta propostas e despois presenta feitos”, afirmou a concelleira, quen enmarcou a piscina municipal como “outro dos compromisos electorais nos que estamos dando pasos firmes para cumprir coa veciñanza de Poio”.

O NOVO CONTRATO DA AUGA PREVÉ INVESTIMENTOS DE 15,4M€

O pleno aprobou tamén o novo contrato do servizo de abastecemento e saneamento de auga de Poio a Gestagua-Prace-Ingeser, que acadou a maior puntuación na mesa de contratación cun total de 90,39 puntos. O alcalde, Ángel Moldes, sinalou que “é un día moi importante para Poio, porque este contrato é beneficioso para o conxunto do concello e vai dar resposta a problemas históricos que sofren os fogares en Vilariño, Fragamoreira ou A Caeira”. O novo contrato da auga prevé investimentos de 15,4M€ nos primeiros catro anos.

Neste sentido, recoñeceu que “as persoas que sofren non ter conexión á rede de saneamento valoran especialmente a importancia de dispoñer dela, por comodidade, por salubridade e tamén por aforro, porque baleirar un pozo negro é moi custoso e complicado”.

Durante a súa intervención, lamentou as críticas dos grupos da oposición e recordou que “o Goberno local tivo que comezar de cero este contrato porque o estudo de custos que herdou era ilegal, porque se baseaba no cobro de taxas e non de tarifas, incumprindo a lei vixente”. Neste sentido, recordou que “tiveron a oportunidade de facelo durante moitos anos, de demostrar a vosa capacidade, pero non o fixestes”.

Por último, puxo en valor o traballo realizado durante estes tres anos: “Poucos concellos son capaces de sacar este contrato tan complexo nun único mandato. Nós podiamos deixalo para despois das eleccións, pero priorizamos ofrecer solucións aos veciños canto antes”.

O Pleno tamén deu luz verde á modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), unha actualización que, segundo explicou o alcalde, responde a criterios organizativos co obxectivo de facer a administración municipal máis áxil e eficiente, así como á aprobación de modificacións de crédito para adiantar os cartos que o Goberno central debe ao Concello de Poio pola súa Participación nos Ingresos do Estado.

“A solvencia e liquidez deste concello permite facer esta xestión. Aprobamos o orzamento en tempo e forma e saímos prexudicados porque tivemos que facelo sen saber os cartos que iamos recibir do Goberno central, que ata este momento deu ata tres cifras diferentes”, concluíu.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio