Ángel Moldes: “traballamos para encher de vida os espazos e ofrecer propostas atractivas e de calidade para mellorar a calidade de vida da veciñanza e que atopen en Poio o tempo de lecer e de ocio que necesitan e merecen”.
Persoas de todas as idades, avós, pais, nais, rapaces e nenos, reuníronse esta tarde en Ánkar para compartir unha xornada moi animada e divertida, na que houbo propostas para todos os gustos e idades. Actividades, obradoiros, música e inchables encheron de vida o parque durante toda a tarde da man da Deputación de Pontevedra, a través do programa +Convivir, e do Concello de Poio.
O alcalde, Ángel Moldes, que participou nas actividades desde o inicio da tarde acompañado polo deputado provincial Jorge Cubela, destacou que “Poio conta cunha poboación moza moi importante, pero tamén con veciños e veciñas maiores moi activos, polo que converter Ánkar nun lugar de encontro familiar foi unha oportunidade para ofrecerlles un espazo compartido de lecer, convivencia e formación”.
Por iso, agradeceu á Deputación de Pontevedra que elixise Poio para acoller esta xornada que, engadiu, “encaixa á perfección coa forma de traballar do Goberno local: encher de vida os espazos e ofrecer propostas atractivas e de calidade, todo cun único fin, que é mellorar a calidade de vida da veciñanza para que atopen en Poio o tempo de lecer e de ocio que necesitan e merecen”.
A tarde comezou cun obradoiro sobre o alzhéimer impartido por Afapo na carpa instalada para a ocasión, mentres os máis pequenos gozaban de actividades de elaboración de chapas, tatuaxes, globoflexia e pintacaras, ademais de saltar e xogar nalgún dos cinco inchables distribuídos ao longo do parque.
E precisamente os inchables deixaron algunhas das imaxes máis divertidas da tarde. Pequenos e maiores animáronse a participar, especialmente no inchable xigante, convertendo esta actividade nun exemplo do ambiente familiar e interxeracional que marcou toda a xornada.
Tras Afapo, tomou a palabra o médico Manuel Viso, coñecido tamén pola súa participación na televisión galega, para ofrecer unha charla sobre primeiros auxilios. A programación continuou con Alberto Canosa e unha sesión de zumba para poñer o corpo en movemento, á que seguiu a actuación do grupo Cardio Latino das Mulleres Rurais de Samieira.
A música puxo o broche final a unha tarde marcada pola participación, o bo ambiente e a diversión coa actuación de Cora, o dúo de ultrapop formado por Cora Velasco e Carlos Gil, que pechou a programación interpretando temas do seu traballo El cuarto dorado.