As Xornadas Gastronómicas da Ameixa volven a Poio para prolongar o bo sabor da histórica 38ª edición da Festa de Campelo

28/09/2026

A iniciativa desenvolverase todas as fins de semana de outubro, con preparacións tradicionais e innovadoras en 13 establecementos de todo Poio. Ángel Moldes destaca que as xornadas dan continuidade á 38ª Festa da Ameixa de Campelo, a primeira como Festa de Interese Turístico de Galicia, unha edición con récord de ventas, e contribúen a “poñer en valor o noso produto e o traballo das mariscadoras e mariscadores” e avanzar na desestacionalización.

O Concello de Poio presentou este venres unha nova edición das Xornadas Gastronómicas da Ameixa, que se desenvolverán todas as fins de semana de outubro en 13 establecementos do municipio. É a maior participación desde que se recuperou a iniciativa en 2024.

A presentación celebrouse na Seca, co traballo das mariscadoras e mariscadores, a Illa de Tambo e a ría como pano de fondo e coa participación do alcalde, Ángel Moldes, acompañado da concelleira de Turismo, Rocío Cochón, e unha representación dos establecementos participantes,

Moldes explicou que as xornadas dan continuidade á 38ª Festa da Ameixa de Campelo, a primeira celebrada tras obter a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, lembrando que esta edición rexistrou “as maiores vendas desde que existen rexistros informáticos”.

“Queremos poñer en valor o noso produto, contribuír a incrementar as vendas dun sector fundamental para Poio e seguir camiñando da man do turismo e do sector do mar”, sinalou.

O alcalde agradeceu a resposta da hostalaría a unha iniciativa que busca “poñer en valor o noso produto, contribuír ao coñecemento e ao consumo da ameixa, mantendo a actividade fóra da tempada alta”. Moldes subliñou que “é a edición destas xornadas na que máis restaurantes participan. A receita está clara: ir da man administracións, hostalaría e sector do mar para que Poio siga medrando como referente turístico e gastronómico durante todo o ano”.

Pola súa banda, Rocío Cochón salientou o significado de presentar as xornadas xunto ás persoas que extraen e preparan o produto: “Aquí podemos ver como a nosa xente do mar extrae o mellor produto da ría e como os restauradores o levan á mesa. Estamos orgullosos de unir o mar, a gastronomía e o turismo e de amosar orgullo de Poio”.

Ademais, destacou que durante a presentación das xornadas, tamén numerosos peregrinos e visitantes se interesaron por coñecer máis sobre o marisqueo na ría e sobre os seus produtos, algo que dá testemuña do potencial destas xornadas para a desestacionalización e para a proxección nacional e internacional: “Queremos que Poio sexa un lugar onde sempre apetece estar. Temos riqueza natural, cultural e gastronómica para seguir ofrecendo motivos aos visitantes durante os doce meses do ano, e estas xornadas son unha mostra dese Poio Único ao que cada vez quere vir máis xente”

Dentro das Xornadas gastronómicas, durante as fins de semana de outubro, veciños e visitantes poderán degustar pratos coa ameixa como ingrediente principal a prezos populares. Así, os establecementos participantes ofrecen des propostas clásicas, como as ameixas á mariñeira, as fabas ou os fideos con ameixas, ata preparacións con langostinos e cogomelos ou curry de algas.

Como novidade desta edición, as persoas que consuman unha das preparacións participantes recibirán como recordo unha postal de Poio coa imaxe Tres cunchas, de María José Fraga Amboaje, gañadora do primeiro premio do Concurso de Fotografía da Festa da Ameixa 2026.

A programación complementaria da festa incluirá tamén a Ameixa no Camiño, unha nova actividade que terá lugar o xoves 1 de outubro no Mosteiro destinada a achegar a Festa da Ameixa aos peregrinos das variantes xacobeas por Poio. Así, peregrinos dos cinco continentes poderán participar nunha degustación gratuíta de ameixas, coñecer a historia da festa e a cultura mariñeira de Poio a través dunha exposición e levar como recordo a mesma postal. A xornada estará amenizada con música tradicional.

Os 13 locais participantes son: Casa Angelita, en San Salvador; Casa Laura, O Remo e Pinela Terraza, en San Xoán; La Espuela, Entrepedras, O Bocoi, Pedramar, O Peirao, Evoca, Ría de Combarro e La Nueva Parada, en Combarro; e O Novo Lar de Expósito, en Samieira.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio