O alumnado do CEIP de Lourido estrea o camiño escolar seguro

23/09/2026

O Concello de Poio habilitou un espazo peonil que conecta o aparcadoiro co colexio. A comunidade educativa participou nunha xornada para concienciar a rapazada sobre o uso responsable e seguro desta ruta.

O alumnado do CEIP de Lourido estreou este curso o novo camiño escolar seguro habilitado polo Concello de Poio para facilitar o acceso a pé ao centro por un espazo reservado especificamente para os peóns. A actuación permite que os nenos e nenas poidan realizar de xeito máis seguro o percorrido desde o aparcadoiro, especialmente nas horas de entrada e saída do colexio, cando se concentra un maior movemento de coches e autobuses.

A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, participou hai uns días nunha xornada organizada polo centro para concienciar á rapazada sobre o uso responsable e seguro desta ruta. Sabarís explica que “era unha demanda histórica da comunidade escolar de Lourido pero, sobre todo, era unha necesidade e unha prioridade para garantir a seguridade do alumnado. É necesario que vaian tranquilos, seguros e protexidos ao colexio”.

A concelleira recoñece que “ata o de agora, a concentración de vehículos nas inmediacións do colexio, especialmente nas horas de entrada e saída, dificultaba a visibilidade e podía xerar situacións de risco para o alumnado que accede ao centro a pé, unha circunstancia que se agravaba nos días de choiva ou néboa”. Lembra, ademais, que o Goberno local asumiu este compromiso tanto coa dirección do colexio como coa ANPA, unha intervención que tamén foi avalada polo Consello Escolar e que hoxe xa é unha realidade.

Os traballos incluíron o pavimentado dun sobreancho da estrada e a sinalización horizontal para reservar unha franxa segura destinada aos peóns. Tamén se habilitou un paso de peóns elevado que permite cruzar desde o aparcadoiro e que, ao mesmo tempo, contribúe a reducir a velocidade dos vehículos na zona.

Durante a xornada organizada polo centro, o alumnado de Infantil e de 6º de Primaria percorreu a pé o tramo comprendido entre o colexio e o aparcadoiro. Os maiores encargáronse de acompañar aos máis pequenos durante o percorrido, explicándolles as normas de seguridade e as recomendacións para utilizar correctamente o novo camiño escolar. Ao rematar, compartiron a experiencia e analizaron xuntos os erros detectados durante o percorrido.

O obxectivo desta iniciativa é tamén que os nenos e nenas trasladen esta mensaxe ás súas familias e contribúan a conciencialas da importancia de respectar o espazo reservado para o camiño escolar seguro, evitando estacionar nel durante as entradas e saídas do centro.

A experiencia está a ter unha boa acollida e, en poucos días, a maior parte do alumnado xa ten interiorizado o funcionamento do novo camiño escolar e as pautas para utilizalo de maneira segura.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio