O alcalde reuniuse en Santiago co presidente da Xunta para recabar o apoio do Goberno galego a varios proxectos municipais en materia de infraestruturas. Puxo en valor os investimentos executados durante este mandato.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, mantivo unha reunión de traballo co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para abordar algúns dos asuntos considerados estratéxicos para o municipio a curto e medio prazo.
Durante o encontro, analizáronse diferentes actuacións relacionadas coas infraestruturas viarias que permitirán continuar coa transformación de Poio. Entre as máis inmediatas, tratouse a mellora das estradas autonómicas PO-303, en Samieira, e PO-308, no treito entre Samieira e Combarro.
Ademais, analizáronse os proxectos que están actualmente en marcha no municipio. Neste sentido, Moldes agradeceu os investimentos realizados pola Xunta en Poio nos últimos anos. O alcalde destacou que, grazas á colaboración entre ambas as administracións, se están impulsando proxectos clave para modernizar as infraestruturas, reforzar os servizos públicos e mellorar a calidade de vida da veciñanza.
Referiuse, por exemplo, á reurbanización da avenida da Barca e á mellora dos accesos e do aparcamento público na contorna, ao impulso do polígono industrial de Fragamoreira ou á optimización da rede de saneamento coa construción de dous tanques de tormenta, a posta en marcha da Unidade de Atención Temperá de Poio e do transporte entre parroquias, ademais doutras colaboracións e axudas nos ámbitos do fomento do emprego, a cultura, o benestar e a educación.
Moldes incidiu na importancia de manter esta colaboración institucional para seguir avanzando nos proxectos que Poio necesita e dar resposta ás novas necesidades dun municipio en crecemento. Neste sentido, trasladou ao presidente da Xunta as prioridades do Goberno local para os próximos anos e a vontade de continuar traballando conxuntamente para impulsar novas actuacións e investimentos no municipio.