Ángel Moldes: «O obxectivo é conectar as principais zonas de interese do municipio para que todas as persoas, especialmente aquelas que viven soas, poidan dispoñer dun servizo que lles permita, polo menos unha vez ao día, realizar estes desprazamentos». As dúas Liñas comezarán a funcionar o 3 de agosto, de luns a venres en días hábiles. Unirá o interior das parroquias, achegará o transporte público a núcleos que ata o de agora carecían desta conexión e facilitará os desprazamentos da veciñanza entre as distintas parroquias e os principais servizos do municipio.
O Concello de Poio presentou esta mañá Poio en Ruta, o novo servizo municipal de transporte que, en colaboración coa Xunta de Galicia, conectará o interior das parroquias, achegará o transporte público a núcleos que ata o de agora carecían desta conexión e facilitará os desprazamentos da veciñanza entre as distintas parroquias e os principais servizos do municipio.
A presentación incluíu a primeira proba da Liña 1, na que participaron o alcalde de Poio, Ángel Moldes; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández; representantes da empresa concesionaria, así como numerosos veciños e veciñas. Durante o percorrido, os asistentes puideron comprobar o funcionamento do servizo, o tempo de viaxe, as paradas habilitadas ao longo do itinerario e a súa accesibilidade. A comitiva fixo unha parada na Praza do Mosteiro, onde o alcalde puxo en valor un proxecto “pensado para facilitar os desprazamentos da cidadanía, tanto para realizar xestións administrativas como para acceder aos centros de saúde, supermercados, actividades culturais, á biblioteca e outros servizos de interese”.
Moldes destacou que Poio en Ruta «dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza» coa posta en marcha de dúas liñas que vertebrarán o territorio municipal e conectarán as distintas parroquias. «O obxectivo é conectar as principais zonas de interese do municipio para que todas as persoas, especialmente aquelas que viven soas, poidan dispoñer dun servizo que lles permita, polo menos unha vez ao día, realizar estes desprazamentos», explicou.
O alcalde subliñou que o novo servizo permitirá dar cobertura a zonas que ata o de agora quedaban fóra das liñas regulares de transporte público. «É un servizo real que cumpre cun dos compromisos adquiridos coa veciñanza, potenciando a mobilidade e favorecendo os desprazamentos internos entre parroquias», afirmou.
Segundo indicou, os primeiros meses de funcionamento do servizo permitirá avaliar os percorridos e os horarios das rutas, que poderán ser adaptados ou modificados para adaptar o servizo ás necesidades reais dos usuarios. “Como todos os proxectos importantes, precisará tempo para consolidarse, darse a coñecer e axustar tempos e paradas», engadiu Moldes. A proba serviu tamén para recoller as primeiras impresións da veciñanza, que acolleu a iniciativa con ilusión e destacou a utilidade deste novo servizo de cara á súa posta en marcha definitiva.
DÚAS LIÑAS PARA PERCORRER TODAS AS PARROQUIAS
As novas rutas comezarán a funcionar o vindeiro 3 de agosto, de luns a venres en días hábiles.
A Liña 1, que é a que se realizou esta mañá, partirá da Ponte da Barca e percorrerá Ferreirós, toda a zona interior de Lourido, Anafáns, Campelo, a parte alta de Vilariño, Arís, Os Canos, Ucha, Fontenla, San Martiño e o Mosteiro, para regresar posteriormente á Ponte da Barca.
Durante os meses de xullo e agosto terá saída ás 9.20 horas e regreso ás 12.00 horas. Entre setembro e xuño, a saída será ás 9.40 horas e o regreso ás 12.40 horas.
Pola súa banda, a Liña 2 partirá da parte alta de Raxó, no límite con Sanxenxo, e percorrerá as zonas altas das parroquias de Raxó, Samieira e Combarro, pasando por Pumar, A Publicada, Canturiño, a Igrexa de Samieira, o Camiño Real de Chancelas, a Travesía de Sidrás, Xuviño, O Esperón, O Pereiro, Casalvito, Combarro, A Pinela e A Santiña. Posteriormente descenderá ata a Praza do Mosteiro para finalizar o percorrido na Ponte da Barca.
Nos meses de xullo e agosto esta liña sairá ás 10.10 horas e regresará ás 12.50 horas. Entre setembro e xuño, a saída será ás 9.40 horas e o regreso está previsto para as 12.40 horas.
CONVENIO COA XUNTA PARA A POSTA EN MARCHA DO SERVIZO
Segundo indicou o alcalde, a implantación de Poio en Ruta será posible grazas ao convenio asinado entre o Concello de Poio e a Xunta de Galicia, que permitirá integrar ambas as dúas liñas no Servizo de Interese Municipal (SIMU), coordinando este novo transporte coa rede pública autonómica. O acordo terá unha vixencia inicial de catro anos, prorrogable por un período máximo doutros catro.
O Concello asumirá o financiamento do servizo cun investimento anual próximo aos 69.000 euros, unha contía que poderá reducirse en función do número de persoas usuarias.
Pola súa parte, a Xunta aplicará ás novas liñas o sistema tarifario da rede galega de transporte público, permitindo ás persoas usuarias beneficiarse das bonificacións actualmente vixentes. Entre elas figuran a gratuidade de ata 60 viaxes mensuais para menores de 21 anos mediante a Tarxeta Xente Nova e a mesma bonificación para as persoas maiores de 65 anos a través da Tarxeta da Mobilidade de Galicia coa tarifa +65.
A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta no portal web mobt.xunta.gal.